O inicio das obras da A-57 implanta novas rutas no transporte á Canicouva

O Concello arranca o compromiso da empresa e da Xunta de Galicia de garantir o servizo ós veciños da parroquia
O próximo luns comenzarán os novos horarios de transporte público. EP
photo_camera O próximo luns comenzarán os novos horarios de transporte público. EP

Tras as reunións que o Concello de Pontevedra mantivo ao longo das últimas semanas coas administracións responsables das obras da A-57, entre elas a Xunta de Galicia, a empresa de transportes Monbus, encargada desta zona, xa publicou os novos horarios e rutas que entrarán en vigor este luns oito de agosto, día no que se iniciarán as actuacións no territorio, segundo informou o Concello nun comunicado. Isto suporá un desafogo para a veciñanza en relación cos cortes de tráfico na estrada de acceso á Canicouva desde Figueirido. Non obstante, a duración do traxecto, que normalmente oscila entre os 25 e os 30 minutos, si que se verá condicionada polo cambio das rutas a seguir.

O obxectivo destes encontros sempre foi transmitir as inquedanzas da veciñanza, apoiala e que, no comezo das obras, estas tivesen o mínimo impacto posible na vida dos veciños e veciñas do lugar. Desta forma, procuráronse alternativas e buscouse manter o maior número de expedicións que fose viable no referido ao transporte público.

Cómpre lembrar que tamén foi cumprida a petición de que as obras non comezasen antes do catro de agosto, intre no que a parroquia se atopaba en festas e precisaba dunha total normalidade nas estradas para maior comodidade á hora de achegarse ata a Canicouva.

Doutra banda, o Concello tamén trasladou no seu día que no tramo da estrada no que se actúe como consecuencia das obras da autovía, que é de máis dun quilómetro, deben ser ofrecidas unhas maiores condicións de seguridade e accesibilidade. Isto é, a creación dun vial máis ancho con arcéns, dos que non dispón na actualidade, e a eliminación de varias curvas para acadar unha maior seguridade viaria.

A confirmación destes novos horarios chega tras cumprirse un mes da polémica suspensión de rutas da propia empresa de transporte Monbus, que cancelara dúas das viaxes diarias ofertadas á Canicouva sen previo aviso. Unha incidencia que sufriron varios dos veciños da zona e que, grazas as queixas da comunidade, puido ser solucionada ao día seguinte.

Comentarios