La Inquisición, Crim, Tiro na testa e Thee Blind Crows actuarán no Troneira Fest de Pontevedra

O festival punk celebrarase os días 3 e 4 de maio no Recinto Feiral. O evento, con entrada libre, poñeralle o punto e final a unha semana de actividades organizadas pola Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesáns
Os pontevedreses Thee Blind Crows. DAVID FREIRE
photo_camera Os pontevedreses Thee Blind Crows. DAVID FREIRE

La Inquisición, Crim, Tiro na testa, Thee Blind Crows, Inn Oppiah!, Falperrys, Harry May, Pladür e Ghalos de Curral son os grupos que compoñen o cartel do Troneira Fest, o festival de música que pechará unha semana de actividades da Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesáns (Aciga) en Pontevedra. Os concertos, que terán lugar no Recinto Feiral con entrada libre, serán os días 3 e 4 de maio.

Segundo anuncia a Aciga nas redes sociais, as xornadas rematarán en festas postconcertos na Verbena e incluirán pinchadas de Nacho Glofo, Zala Polifenol. Raquel Plata, David Diz e Rubén López RLP.

La Inquisición é un grupo punk oscuro de Barcelona que estos días está comezando o que serán as gravacións do seu novo disco. A banda, nacida en 2015 e que xira case de xeito ininterrompido polo territorio estatal e por Europa, caracterízase pola contundencia das súas letras e do seu directo. Tamén vén dende Cataluña, concretamente dende Tarragona, Crim. Son outros destacados representantes do punk rock catalán.

O resto das bandas do cartel do Troneira Fest son galegas. Tiro na testa son de Lalín e mesturan nas súas composicións punk, ska e rock. A crítica social caracteriza as súas letras e o desparrame enerxético os seus directos.

Thee Blind Crows, 15 anos sobre os escenarios

Thee Blind Crows é a banda de rock de Pontevedra que teñen Diego de la Iglesia e Alberto Campos. Acaban de cumprir 15 anos enriba dos escenarios e de festexalo cun novo disco e cunha xira.

Inn Oppiah! é un proxecto musical individual que aposta polo traballo dende canles alternativos e anticomerciais. A aproximación ao proxecto e a difusión da súa música realízase a través da páxina web innopphiah.com.

Os Falperrys definen o seu traballo como "punk folk tabernario para almas perdidas". Son de Vigo e fan versións en galego de cancións tradicionais irlandesas e galegas.

Tamén son da provincia Harry May, teloneiros de Crim nas súas visitas galegas. O ano pasado gravaron o seu disco en Garajeland Estudios, en Marín.

Pladür é o proxecto punk que teñen xuntos, en Pontevedra, Santiago Paredes e Lúa Sálamo. Debutaron en 2022 co EP Ensayos, fallos y desmayos.

O cartel complétase con outros pontevedreses, Ghalos do curral, que se encargarán de poñerlle o toque folkie ao festival.

Artesanía e premios para a primeira edición

Xornadas técnicas, premios e unha feira de artesanía, ademais do festival de música punk, son algunhas das actividades que Aciga anuncia nas súas redes sociais para esta primeira edición do seu evento. As propostas no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral de Pontevedra.

A programación abrirase o 30 de abril cunha xornada técnica alimentaria. O día 1 de maio terá lugar a entrega dos premios da asociación. E tanto ese día como o seguinte celebrarase a feira de artesanía, vinilos e segunda man.

Comentarios