Os inspectores de xogo realizan máis de 300 intervencións ao ano na cidade

No ano 2018 só foron sancionados tres salóns de xogo, un deles por unha infracción grave, en toda Galicia

Un usuario introduce unha moeda nunha máquina de tipo B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un usuario introduce unha moeda nunha máquina de tipo B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os inspectores de xogo realizaron 300 visitas a locais de hostalaría e salóns de xogo da cidade ao longo de 2017. A espera de ter os datos de 2018, a Xunta realiza periodicamente revisións aos lugares nos que hai instaladas máquinas de xogo para controlar que se cumpra a normativa. Deste xeito, realizáronse inspeccións en 284 locais de hostalaría, catro en salóns de xogo e cinco en bingos. A nivel provincial, realizáronse 2.344 inspeccións en locais de hostalaría, 12 en tendas de apostas, 28 en salóns de xogo, 13 en casinos e 20 en bingos.

O resultado destas inspeccións foi de dúas sancións polo incumprimento da normativa en 2017. En ambos casos tratouse dunha infracción moi grave por permitir o acceso ou o uso das máquinas de aposta ou xogo a menores de 18 anos. Neste caso, a sanción foi de 18.000 euros.

As sancións que se puxeron en 2017 foron moi graves, por permitir o acceso ao xogo a persoas menores de idade

Por outra parte, en 2018 impuxéronse tres multas, dúas delas por infraccións leves e outra grave por non colaborar coa labor inspectora.

Os colectivos de axuda a persoas con ludopatía piden máis controis, sobre todo no que se refire ao acceso aos locais de menores. A proliferación de locais de apostas na cidade é unha realidade dun tempo a esta parte. Deste xeito, o auxe das apostas deportivas provocou que nos últimos anos o número de máquinas deste tipo ascendese de 60 a 100 entre os anos 2015 e 2018. Ademais, as apostas son o principal tirón dos novos salóns de xogo que se abriron recentemente na cidade, o último deles situado na rúa 12 de Novembro.

Máis alá do xogo presencial, unha das principais preocupacións dos terapeutas que traballan con persoas con adición ao xogo son as apostas por Internet, un negocio no que os españois deixaron 10.885 millóns de euros só no ano 2016. Este dato supón un incremento brutal con respecto á cantidade apostada en 2012, que foron 2.726 millóns de euros. No caso das apostas na rede, a tentación está só a un clic dende calquera dispositivo electrónico con acceso a Internet.

Máis de 100 millóns de beneficios
As empresas privadas de xogo e apostas obtiveron en 2017 máis de 100 millóns en beneficios. O diñeiro que move o xogo ascende ata os 300 millóns se se teñen en conta os réditos que saca o sector público da Lotería e dos impostos a empresas privadas.

35,9
Son os beneficios que obtiveron as empresas operadoras de máquinas tipo B, tamén coñecidas como ‘tragaperras’. Esta modalidade de xogo é a que move máis cartos.

27,4
Este dato correspóndese aos millóns que conseguiron como beneficio as empresas adicadas ás apostas deportivas, un dos principais negocios en auxe dentro do sector do xogo e o segundo máis rendible.

16,2
Por outra parte, os salóns de xogo en España obtiveron beneficios por valor de 16,2 millóns de euros no exercicio de 2017.

Comentarios