Interese de tres continentes distintos no Plan Revitaliza de Pontevedra

A Deputación leva o seu programa de compostaxe a São Paulo, á Illa do Príncipe en África e á Comisión Europea

Rolda de prensa de César Mosquera e Carlos Pérez na Deputación. DP
photo_camera Rolda de prensa de César Mosquera e Carlos Pérez na Deputación. DP

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, deu conta este xoves en rolda de prensa da expansión do programa de compostaxe pontevedrés Revitaliza a San Tomé e Príncipe e a São Paulo. Compareceu acompañado do técnico en Xestión de Residuos, Carlos Pérez, que vén de regresar dunha viaxe ao país africano interesado en importar o Plan Revitaliza.

O asesor provincial reuniuse con representantes do Goberno de San Tomé e Príncipe na illa de Príncipe, a principal do país, que Mosquera definiu como "unha illa tropical que se quere impulsar desde o Goberno como novo destino de turismo de elite, ofrecendo á xente adiñeirada unha alternativa ante a saturación de moitos destes emprazamentos paradisíacos". Pérez explicou que, para poder acadar este obxectivo, o Executivo da illa precisaba asentarse como "referente na xestión de residuos, especialmente tendo en conta o malogrados que se atopan nese aspecto os países da súa contorna, no Golfo de Guinea". "En Príncipe hai unha reserva da biosfera que está irmandada coa das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que é o motivo polo que están contactando con nós para procurar fórmulas de adaptación do Plan Revitaliza á illa", explicou Pérez. "Deste xeito, visitará tamén Pontevedra proximamente un técnico especialista en augas do Goberno de Príncipe", engadiu.

A este interese procedente do continente africano súmase tamén a atención posta no Plan Revitaliza desde Sudamérica.

César Mosquera informou da recente visita á provincia de dous catedráticos da Universidade de São Paulo, acompañados dunha técnica. "Un dos catedráticos foi tamén director xeral de Medio Ambiente no Goberno de Lula, e a delegación da que el formaba parte viaxou ata aquí para estudar o noso programa de compostaxe coa intención de abrir unha liña de colaboración para adaptalo a Brasil", agregou o vicepresidente.

RELEVANCIA EN EUROPA. A internacionalización do Plan Revitaliza tamén está a dar bos resultados no interior do continente europeo. A CE vén de convocar para o vindeiro 19 de novembro unha xornada sobre residuos orgánicos, coa que pretende explorar distintos xeitos de concretar a lexislación elaborada en maio sobre este tema por parte do Parlamento Europeo.

O órgano executivo da UE atópase agora analizando diversas experiencias coas que poder contar para esta xornada e é no marco dese estudo no que Mosquera afirma que enviaron un correo á Deputación "amosando especial interese en que Pontevedra puidese asistir", dixo.

"No mesmo correo no que nos convidaron a acudir á xornada informáronnos de que estaban xestionando unha visita para coñecer o Plan Revitaliza, que estaría prevista para o mes de setembro ou outubro", finalizou o vicepresidente provincial.

Subvencións
Axudas e novas adhesións


César Mosquera adiantou tamén na rolda de prensa deste xoves que se presentarán na Xunta de Goberno de hoxe as bases para a adhesión de máis concellos ao Plan Revitaliza. O nacionalista anunciou tamén novidades para os 36 concellos que xa se sumaron ao programa. Estes municipios que se atopan na segunda fase do Plan poderán presentarse á convocatoria de subvencións para a compra de material para a compostaxe (máquinas, contedores, etcétera) que se publicará no boletín provincial entre o próximo luns e o martes. As subvencións lanzadas polo Goberno provincial son por valor de dous millóns de euros

 

Comentarios