Internet é o lugar "onde máis medra o galego" e un "mar de oportunidades"

A Facultade de Ciencias Sociais celebrou un evento con motivo do Día das Redes Galegas

Dafonte e Rolán, a ambos lados, cos ponentes. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dafonte e Rolán, a ambos lados, cos ponentes. GONZALO GARCÍA

Unha "xornada de exaltación" da figura dos xestores de comunidades virtuais, das redes sociais e da presenza do galego nas redes. Deste xeito definía o profesor Xabier Martínez Rolán o Día das Redes Galegas, o evento que se celebrou este mércores na Facultade de Ciencias Sociais.

Tres profesionais formados no centro achegaron as súas experiencias neste eido a unha xornada na que tamén se abordou o proxecto Youtubeir@s e que alcanza a súa cuarta edición, como lembrou o vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, "nun momento moi importante para a Facultade e para o campus, porque acaba de aprobarse o mestrado universitario en Xestión de Redes Sociais e Creación de Contidos Dixitais", que comezará a impartirse neste centro o vindeiro curso académico.

Lucía Gómez, directora de márketing de contidos e medios sociais de Elogia; Cristina García, responsable de comunicación e márketing dixital en Esmerarte Industrias Creativas; Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos, e a técnica da Área de Normalización Lingüística (ANL) Cristina Rodríguez foron os protagonistas dunha xornada que contou co apoio da Facultade, Vicerreitoría, ANL e Política Lingüística. O evento, dirixido a "demostrar que no eido da comunicación dixital e das redes sociais hai un futuro moi prometedor", como sinalou Rolán, naceu como Social Media Day e reconverteuse en 2017 como o Día das Redes Galegas para incidir en que "nas redes sociais é un dos lugares onde o galego se xoga o seu futuro". Así o sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen defendeu Internet como 2un gran mar de oportunidades", no que "temos que estar coa nosa lingua e coa nosa cultura".

Neste sentido, o decano de CC SS, Xosé Baamonde, lembrou que "a sociedade galega ten que debater que fai" co idioma, se facer del "unha lingua morta que queda como obxecto de estudo que sacamos a pasear o Día das Letras, ou unha lingua viva coa que participamos nas redes sociais e facemos vida normal". Previamente, o director da ANL, Paulo Cabral, puxera o acento en que "Internet é o lugar onde máis medra o galego" e o medio "máis democrático e participativo", polo que "do grao de implicación das persoas que xestionan comunidades virtuais" dependerá ser "capaces de chegar moi lonxe" co idioma.

Comentarios