Unha intervención artística e pedagóxica para humanizar un hospital

Tres investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte realizan o proxecto de ambientación do Servizo de Rehabilitación Infantil do Teresa Herrera da Coruña

Un dos espazos onde se interviu. DUVI
photo_camera Un dos espazos onde se interviu. DUVI

As investigadoras do grupo Remoss (Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte) Begoña Paz, Itziar Ezquieta e Cristina Varela realizaron xunto coa asociación socioeducativa e cultural Paspallás o proxecto de ambientación artístico-pegadóxica do Servizo de Rehabilitación Infantil do Hospital Teresa Herrera da Coruña, segundo informou a Universidade de Vigo. "Un hospital é un ecosistema moi particular onde as persoas establecen relacións condicionadas por procedementos burocráticos, espaciais, sanitarios e emocionais moi intensos", recolle a memoria do proxecto.

Financiado pola Fundación Paideia, o proxecto, que actualmente se atopa en fase de avaliación, englobou tanto o deseño de mobiliario como de materiais lúdicos e didácticos específicos co propósito de impulsar unha mellora, "de facer máis cómodos e agradables" espazos como a sala de agarda, pola que cada día pasan máis dunha trintena de cativos, que acoden ás consultas que engloba este servizo, desde atención temperá ou terapia ocupacional a logopedia, fisioterapia ou psicoloxía.

"Cando se fala de humanización fálase de intervir desde varios niveis. Nós enfocámolo como unha intervención artística que transforma o espazo, pero na que se incorporan tamén o pedagóxico e o lúdico", salienta Begoña Paz sobre un proxecto que se inspirou nas pezas do xogo do tangram e que permitiu mudar "unha sala de agarda fría e anodina", por un lugar máis cómodo.