"As intervencións urbanísticas deben ser pensadas para as seguintes xeracións"

O arquitecto Martín Barreiro aposta polos "corredores ecolóxicos para humanos" nas áreas periurbanas nunha mesa redonda sobre mobilidade organizada polo COAG en Pontevedra
Martín Barreiro durante o seu relatorio na xornada deste sábado. RAFA FARIÑA
photo_camera Martín Barreiro durante o seu relatorio na xornada deste sábado. RAFA FARIÑA

Pensar nas seguintes xeracións como os principais destinatarios das intervencións urbanísticas e crear "corredores ecolóxicos para humanos" son algunhas das propostas do arquitecto Martín Barreiro Cruz, que onte participou como relator experto nunha mesa redonda organizada en Pontevedra polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). O obxectivo era analizar as actuacións de renovación urbana e rexeneración urbanística das áreas Rexurbe.

Na mesa redonda posterior participaron as arquitectas Teresa Táboas, Enma Noriega e María Ferreirós, ademais do enxeñeiro de Camiños Santiago López. Debateron sobre accesibilidade, presenza de vehículos en centros históricos e necesidade e solucións de aparcadoiro e mobilidade.

Teresa Táboas, Santiago López, Enma Noriega e María Ferreirós participaron nunha mesa redonda sobre centros históricos

A reflexión de Barreiro Cruz centrouse en formas de intervir nos tecidos históricos para mellorar a súa rexeneración. Subliñou "a necesidade de volver conectar os centros históricos co restantes tecidos urbanos, non só os compactos, senón tamén coa coroa periurbana, casiñas non tan dispersas", como pode ser o caso de Poio a Pontevedra ou a Vilaboa.

"Deberiamos reflexionar máis sobre como é a experiencia de camiñar ou movernos en bicicleta ou en patinete por eses espazos de menos de dous quilómetros, para facilitar que os mozos ou as persoas con diversidade funcional ou motora poidan acceder á cidade sen xerar tanta presión automobilística". Reducila, apunta, "non ten tanto que ver tanto con peonalizar, que tamén, senón con facilitar que os que non viven tan lonxe do centro poidan facelo".

A perspectiva no urbanismo e neste tipo de intervencións e nos plans Rexurbe, que agora van empezar a dar os seus primeiros pasos, "debería ser ir pensando na seguinte xeración, en quen disfrutará desas intervencións en dez ou vinte anos, e non tanto tratar de dar solucións para que sexa máis cómoda a vida para os que temos máis facilidades para usar a prótese automóbil", sinalou. O 45% da poboación "non pode usalo e para eles deberiamos pensar máis neses corredores ecolóxicos para humanos".

Esta solución facilitaría a automía dos rapaces e a adopción de hábitos de vida activos, así como de reducir a dependencia de alguén que os transporte. "Se eles medran atopando no espazo público algo positivo seguramente xa non haxa volta atrás" na rexeneración de espazos, "independentemente da cor política".

Os centros históricos, as zonas peonís, afirma, son "como reservas ecolóxicas para humanos" e aposta por rebasar ese concepto "para falar da indispensable conexión entre as diferentes reservas, entre as zonas máis densamente poboadas, escolas, institutos, equipamentos, zonas de ocio... Conectalas con corredores con características urbanas e non ser tanto paseos. Un adolescente debería poder volver á casa camiñando de noite por eles e van ter que pasar por zonas por xanelas". Trátase dos tecidos dispersos, "a cidade difusa, considerados espazos urbanisticamente bastardos" nos que "ninguén se atreve a intervir, máis aló do asfaltado e os servizos básicos". Pero é suficiente con intervencións de baixo custo", iso si, coa "determinación para redistribuir canto espazo destinamos ao coche e canto ao peón", como medidas como a reducion da velocidade ou o sentido único.

Manifesto. Dereito á vivenda: novas demandas e sustentabilidade
O COAG celebrará mañá o Día Mundial da Arquitectura, que este ano pon o foco de atención na necesidade e o dereito á vivenda, a modo de esixencia e compromiso coa sociedade por parte dos arquitectos.

O manifesto institucional , que se enviará ao Parlamento galego e ás catro deputacións, será lido nun acto ás 17.00 horas no barrio pontevedrés de San Antoniño, concretamente no ámbito das vivendas sociais da rúa Altamira.

O COAG incide na necesidade de facer políticas que non só fomenten o dereito á vivenda, "senón tamén políticas de rehabilitación e mantemento", coa adecuación dos inmobles "aos estándares de accesibilidade, habitabilidade e seguridade actuais".

Conferencias
Este barrio é obra dos arquitectos José Antonio Corrales Gutiérrez e Joaquín Basilio Bas. O manifesto tamén se enviará a todos os concellos a Delegación pontevedresa do COAG "para que xuntos se poida frear a proliferación de infravivendas no noso territorio, así como detectar condicións de inhabitabilidade que fagan preciso a actuación dos servizos sociais e a posta a disposición de axudas para a mellora das vivendas".

A Semana da Arquitectura inclúe tres conferencias no Sexto Edificio do Museo sobre vivenda social os mércores 9, 23 e 30 de outubro a cargo de profesionais do sector.

Comentarios