A invasión dos xenitais diversos

A fotógrafa pontevedresa Águeda Peña expón en Barcelona Genital Invaders, unha colección de obras que mestura estética retro de videoxogos con reivindicación e humor
Águeda Peña na súa exposición en Barcelona. CE MARINA
photo_camera Águeda Peña na súa exposición en Barcelona. CE MARINA

Figuras de xenitais masculinos e femininos, realizados con papel a man, agrupados con diferentes combinacións en pequenos cadros, conforman a exposición Genital Invaders, de Águeda Peña (Pontevedra, 1985). A fotógrafa, afincada en Barcelona dende 2019, vén de inaugurar no café El Noa Noa, do barrio de Gracia, esta mostra que recompila o seu traballo plástico máis recente e persoal. Estética retro de videoxogos, reivindicación e humor mestúranse nesta proposta, que se poderá visitar ata o 18 de outubro e que despois viaxará a Porto.

Un dos cadros da exposición 'Genital Invaders', de Águeda Peña

"Moita xente me pregunta de onde saíu este concepto estético e, a verdade, é que foi algo casual", explica por teléfono a autora. "Para a miña xeración, a liberdade sexual está moi relacionada coa idea de xogar, e pensando niso foi como se me viñeron á cabeza os videoxogos Arcade. Eu crieime con esa estética de píxeles de Sega e outras marcas dos 80. En todos eles comezabas a partida con ese lema na pantalla, Start game".

Despois de estudar fotografía en Santiago, produción audiovisual na Coruña e publicidade en Pontevedra, Águeda Peña marchou a Brasil e Portugal a rematar a súa formación. Tras vivir en Escocia e Suíza, en 2019 volveu a España para instalarse en Barcelona. "O meu traballo profesional é fundamentalmente como fotógrafa e animadora. E está moi relacionado coa publicidade", conta. "Cando chegou a pandemia, a metade das gravacións canceláronse e foi entón cando decidín centrarme máis no que, ata ese momento, era un hobby, o meu traballo artístico con papel".

Proceso de produción da exposición 'Genital Invaders', de Águeda Peña

A pontevedresa, que expón aquí por primeira vez a súa obra en papel, conta que a ela sempre lle gustou moito traballar coas mans ("facer cousas tipo craft reláxame"), pero que tras a aparición da covid-19 empezou a desenvolver en maior medida esta faceta. Na súa web (aguedapenha.com) pódese ver como vén realizando varias series sobre comida, natureza, arquitectura ou paisaxe, algunhas de corte máis infantil outras, como Genital Invaders, claramente dirixidas a público adulto.

"A miña idea pasa por poder combinar os encargos cun traballo máis persoal, de autor, que me permita experimentar sobre temas que me interesan como este da sexualidade". Ou como a inmigración, sobre o que traballou, xunto a outras dúas creativas, no proxecto de animación stop motion The Route to Nowhere.

Un dos cadros da exposición 'Genital Invaders', de Águeda Peña

Comentarios