Os 'inventores' do IES Sánchez Cantón, ao Galicia Maker Faire

Os estudantes presentarán os seus proxectos de farol solar intelixente e micrófono direccional na Cidade da Cultura

Os estudantes, na presentación do proxecto no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - IES Sánchez Cantón - Pontevedra
photo_camera Os estudantes, na presentación do proxecto no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os dous grupos de alumnos do IES Sánhez Cantón que presentaron os seus proxectos ao concurso británico TeenTech o curso pasado, onde lograron unha prata e un bronce, foron seleccionados para dispoñer dun stand na Galicia Maker Faire, un evento que se celebrará a vindeira fin de semana na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Así o informou este luns José Benito Búa, un dos mestres implicados nesta iniciativa, xunto con Lourdes García. "Despois da súa asistencia á fase final de TeenTech, en Londres, fixeron os trámites de inscripción na Galicia Maker Faire de 2017 e a organización comunicou recentemente que os dous proxectos foron seleccionados para dispor dun stand na feira", explica.

Sara Van Dinter, Sandra García e Nuria Sueiro, que agora estudan 4º da ESO, deseñaron un farol solar que permite orientar e inclinar o panel correctamente para optimizar o seu rendemento en virtude das horas de luz segundo a latitude na que se atope a infraestrutura. Para converter a súa idea na maqueta que levaron a Inglaterra, contaron coa colaboración da empresa pontevedresa Setga.

O segundo grupo está formado por Carlos Argibay, Javier de la Cruz, Álvaro Portugal, Alicia Pedrosa e Inés Pérez, este curso en 2º de Bacharelato. O seu proxecto consistía nun micró- fono direccional que pode aplicarse en persoas con deficiencias auditivas e que melloraría a funcionalidade dos audífonos convencionais.

As Maker Faire son feiras de inventores que se desenvolven en todo o mundo e inscríbenese nun movemento global coñecido como Maker. De feito, a súa web preséntaa como "la mayor feria de inventores del mundo, un escaparate para la creatividad y el ingenio pensado para todos los públicos y disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbano, música, electrónica, artesanía..." e tamén "un lugar para compartir conocimiento, descubrir proyectos fascinantes y hacer contactos profesionales".

FIN DE SEMANA. A de Galicia é a maior Maker Faire que se organiza en España e unha das máis importantes de Europa. Terá lugar do 24 ó 26 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Contará con poñentes e expositores de referencia a nivel mundial, como Richard Stallman, un dos principais impulsores e promotores do movemento de software libre. Stallman foi o creador do sistema operativo GNU, primeira alternativa de software libre (que promove a liberdade de copia, distribución ou realización de cambios no software, que posteriormente se integrou no sistema operativo GNU/Linux. Tamen é o fundador da Free Software Foundation, que promove o uso de software libre baixo licencia GNU nas institucións, centros de ensino e na sociedade en xeral.

O venres 24 está reservado para o sector profesional, polo que o alumnado pontevedrés participará cos seus stands nas xornadas de portas abertas do sábado e o domingo.

Comentarios