Ana Belén Fernández, nova directora do Campus Crea e da Cátedra de Idadismo da UVigo

"A investigación do Campus Crea ten que traducirse na docencia"

Non é un inicio de curso calquera para a profesora de Ciencias Sociais, pois estréase á fronte do campus de especialización de Pontevedra mentres colle velocidade a nova cátedra da UVigo que pretende acabar coa discriminación por cuestións de idade, unha iniciativa pioneira.
(_G4A5686.JPG) Vicerreitoria Casa das Campas entrevista con Ana Belen Fernandez nova directora de area do Campus de Especializacion Crea
photo_camera Ana Belén Fernández, este martes na sede da Vicerreitoría. GONZALO GARCÍA

Docente da Universidade de Vigo desde 1999 e tamén investigadora do Departamento de Comunicación audiovisual e publicidade, na facultade pontevedresa, Ana Belén Fernández Souto (Pontevedra, 1976) acaba de ser nomeada nova directora de área do campus de especialización Crea, un cargo que suma a outro ben recente, o de directora da Cátedra de Idadismo da UVigo, unha iniciativa pioneira en España. Recibe na sede da Vicerreitoría do campus, "este edificio espectacularmente bonito" tamén coñecido como Casa das Campás, e onde se confesa que está "aterrando, con moitos retos por diante e moitas ganas de afrontalos".

Xa estaba vencellada ao Campus Crea a través do programa de doutoramento, pero que supón para vostede ser directora do campus de especialización?

Si, en 2016 púxose en marcha o programa de doutoramento Crea para integrar desde o ámbito do terceiro ciclo todos os grupos de investigación de facultades do campus de Pontevedra, cun grupo de persoas que representaban todas as facultades e puxemos en marcha o programa. Fun coordinadora durante catro anos. E agora asumo a dirección de área do campus de especialización como un reto.

En que punto se atopa agora mesmo o Campus Crea despois de case unha década de traxectoria?

A verdade é que eu estou aterrando, vendo un pouco o que se fixo internamente. O que se vía desde fóra foi a promoción e posta en marcha do Crea nos ámbitos máis visibles, a través do logotipo, organizando eventos e conferencias. Agora hai que profundizar un pouco máis no campus de especialización e que isto se traduza no eido da docencia e no da investigación.

Eran cousas puntuais, logo.

Hai que empezar dalgunha forma, igual non se pode con toda a forza desde o primeiro momento. Púxose no mapa, como campus de especialización e agora temos que profundizar nese traballo.

O idadismo acaba limitando a vida das persoas, implicando problemas de saúde e economicamente ten un custe elevado

Esta especialización é vital para o campus, sobre todo en comparación cos demais de Galicia?

Claro, en Galicia agora estamos no proceso de especialización por campus. En Pontevedra está centrado na creatividade, que é un ámbito totalmente trasversal e interdisciplinar, e pensamos que vai ter moita máis acollida.

A implantación do grao en Deseño, previsiblemente no vindeiro curso, sería a guinda do pastel?

Queremos que aínda haxa máis percorrido. De feito o Crea ten que afondar no ámbito da investigación entre distintos grupos máis e menos potentes que existen no campus, buscando con unións con outros da UVigo, do Sistema Universitario de Galicia e doutras universidades de España e tamén do estranxeiro para interferir máis no ámbito da creatividade. Non só no ámbito da investigación, senón a través de proxectos, de publicacións de estudos y de captación de recursos, senón tamén a través da docencia. Que esa investigación se traduza na docencia non sei se en novos graos, pero si en novas especialidades e en buscar vencellos e colaboracións entre distintos docentes, materias e titulacións que existen no campus. Moitas veces os docentes estamos centrados no noso ámbito e, ao mellor, na facultade de en fronte, que aparentemente non deberiamos ter moito en común, si que hai cousas que se poden facer e que son moi interesantes.

Un punto e á parte será tamén a estrea das novas instalacións da UVigo no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Xa se está traballando alí, non é?

Si, alí está o investigador Mario Pansera. Estamos aínda aterrando no edificio. Pero en todo caso penso que a nosa base vai estar aquí, na Casa das Campás, un edificio espectacularmente bonito que o Concello doou para ser a sede da Universidade dentro da cidade.

Ana Belén Fernández, este martes na Vicerreitoría. GONZALO GARCÍA
Ana Belén Fernández, este martes na Vicerreitoría. GONZALO GARCÍA

Ademais deste cargo, tamén é a directora da nova Cátedra de Idadismo da UVigo.

Si, presentámola oficialmente o martes 13, en Vigo, aínda que o convenio se asinara en abril.

Que é o idadismo?

É a discriminación por idade. Moitas veces asociámolo a xente maior, pero tamén se dá noutras idades. En realidade esta cátedra naceu para desaparecer, porque o que queremos é combater o idadismos, igual que hai outros ‘ismos’ como o racismo ou o sexismo, dos que somos máis conscientes e contra os que se están facendo campañas de sensibilización. O idadismo acaba limitando a vida das persoas, implicando problemas de saúde, economicamente ten un custe elevado... Esta cátedra nace para concienciar sobre o edadismo e esperamos que desapareza pronto porque non sexa necesaria.

Á parte da UVigo que outras entidades están implicadas?

A cátedra ten a súa sede na Facultade de Comunicación, aquí no campus de Pontevedra, porque queremos que se traballe desde un ámbito da comunicación interdisciplinar e trasversal. Vén apoiada por Afaga [Asociación de Familiares de enfermeos de Alzhéimer y otras demencias de Galicia] e Atendo, do sector privado [entidade de innovación social dedicada a acompañadr nos coidados ás persoas maiores e ás súas familias].

De que xeito se pode combater o idadismo?

Creando conciencia. Facéndonos conscientes de que todos somos en gran medida idadistas e que o facemos sen decatarnos. É moi fácil pensar nunha persoa que consideramos maior e dicirlle: ti non fagas isto, non vai ser que te manques. E xa o o estamos predispoñendo á dúbida e á negatividade. Non o facemos con mala intención pero case todos somos idadistas e temos que empezar a corrixilo.

"Os estereotipos redundan na discriminación pola idade"

Poderíase considerar idadismo o caso da discriminación de persoas a partir de 45 ou 50 anos á hora de presentarse a unha oferta de traballo, por exemplo? 

Ese é un tipo de tipo de discriminación que se sofre por arriba e por abaixo. A xente nova tamén ten problemas por ser nova, porque se lle presupón que non sabe, que non é competente... E dunha persoa maior pénsase que non se vai adaptar, que vai ser máis inflexible... Son prexuízos que temos porque os fomos aprendendo socialmente. Ese é o principal problema dos ismos, que como sempre o aprendemos así pensamos que é normal e temos que ser conscientes de que non é normal para nada para aprender a combatelos.

Noutras sociedades tense máis en valor a experiencia da xente maior. Nota que na nosa non ocorre isto, precisamente?

Isto entra dentro do ámbito individual, pero si que socialmente temos moitos prexuízos e estereotipos, que redundan nesa discriminación por idade.

Di que o obxectivo é que a cátedra desapareza. Hai algún prazo marcado para conseguilo?

A cátedra acábase de constituír e presentar, temos que empezar a traballar como quen di, aterrar todas as nosas ideas en plans concretos. Queremos facer moito fincapé na relación entre xeracións, porque moitas veces nos estamos percatando de que facemos guetos xeracionais: a xente maior coa xente maior, que tamén é un concepto relativo, ou os novos cos novos. Buscamos que haxa esa interxeracionalidade porque pensamos que é a clave para loitar contra o idadismo. Buscar actividades nas que se mesturen, non de forma puntual, senón que sexa progresivo e constante.

Neste punto tamén encaixa moi ben o Programa Universitario de Maiores da UVigo?
Si e non, porque nos estamos decatando de que neste programa o grupo de maiores se constitúe como tal, endogámico, van todos xuntos, non hai mistura entre os estudantes maiores que entran por ese programa e os estudantes de grao que entran con 20 anos. O que sería interesante sería buscar esa unión entre ambas xeracións porque iso sería moito máis enriquecedor, tanto para uns como para outros.

Comentarios