'Invisibles' tamén é rock feminista

O músico pontevedrés Ángel Paz inspírase na obra de Montse Fajardo para editar un disco con dez composicións que critican a violencia contra as mulleres; preséntao o 24 de maio

Ángel Paz, nos Soportais da Ferraría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ángel Paz, nos Soportais da Ferraría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ángel Paz levaba anos querendo falar "de algo do que valese a pena". Quería recuperar o espírito reivindicativo do rock and roll e darlles un sentido ás súas letras. Ir máis alá da canción de amor. Das letras que cousifican á muller. Nestas estaba o músico pontevedrés, graduado cum laude na prestixiosa Berklee College of Music, cando caeu nas súas mans o libro Invisibles, escrito por Montse Fajardo e promovido polo Concello de Pontevedra. Foi entón cando as composicións comezaron a agromar. "Con el puño en alto estoy/aquí te espero/ no hay nada imposible/ con el puño en alto estoy/ no tengo miedo/ llegó la hora de dejar de ser/ rostros invisibles/", reza a letra do seu primeiro single.

"Non coñezo ningún artista que teña centrado todo un traballo no tema da violencia de xénero, si cancións soltas, pero non ata o punto de converter este ámbito temático no centro da súa obra"

Todo un disco centrado na lacra da violencia machista titulado Rostros invisibles. "Non coñezo ningún artista que teña centrado todo un traballo no tema da violencia de xénero, si cancións soltas, pero non ata o punto de converter este ámbito temático no centro da súa obra", explica. Pola súa banda, Paz quixo tocar diversas realidades que deixa tras de si o machismo: a violencia física, pero tamén a psicolóxica, a dependencia económica, o control ou como os nenos e nenas son tamén vítimas cando seu pai maltrata á súa nai.

"Quería que a música volvese falar das cousas importantes e, nos tempos que vivimos, non podemos permanecer alleos a todo isto", explica.

Nas cancións de Paz non só están as historias de Invisibles, senón tamén as dificultades polas que pasaron as mulleres máis próximas ao autor, como as da súa familia. "A miña avoa tivo que quedar na casa coidando as fillas e non se lle permitiu facer todo o que quixo, sería unha persoa moi diferente se non se lle puxesen eses límites", explica.

Paz é o compositor das letras e. ademais, toca a guitarra, pero a voz pona Rodrigo Valiente e conta coa colaboración doutros músicos para as pezas. "Quixen contar con homes comprometidos contra a violencia machista, penso que é moi importante que os homes esteamos involucrados", sinala.

O primeiro single do traballo, chamado tamén Rostros invisibles está protagonizado pola actriz Bea Campos e xa se pode ver na canle de Youtube do artista. Ademais, Ángel Paz presentará o traballo o vindeiro 24 de maio nun acto no que estará acompañado pola autora do libro, que xa conta cunha adaptación ao teatro. Ese mesmo día, a partir das 22.00 horas, ofrecerá un concerto na Sala Karma.

Comentarios