viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

IRIS MALVIDO LAGO, CANDIDATA DE EN MAREA ÁS XERAIS POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

"Nunca seremos un cheque en branco a un goberno progresista"

Iris Malvido, a semana pasada en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Iris Malvido, a semana pasada en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Uns orzamentos dignos que permitan desenvolver o tecido industrial da provincia é un dos obxectivos que En Marea quere acadar no Congreso. Malvido considera que no caso de obter unha maioría de esquerdas debería pactarse ao principio da lexislatura "e non esperar tres anos"

Nacida en vigo hai 29 anos, Iris Malvido é a candidata ás eleccións xerais máis nova da provincia. Titulada en Psicoloxía Clínica e Social, fixo un máster de Psicoloxía Forense e Intervención Social, traballou na súa cidade e emigrou a Inglaterra e Australia. Hai ano e medio retornou por motivos "máis emocionais que racionais" para estar preto dos seus catro avós, "que son bastante maiores". Actualmente prepara oposicións para exercer como psicóloga penitenciaria, pero deu o salto á política como cabeza de lista ao Congreso por En Marea.

Séntese máis condicionada polo precedente de Alexandra Fernández ou polos resultados da enquisa do CIS de marzo [que non lle outorga representación a En Marea]?
Sinto unha gran responsabilidade. Alexandra foi moi traballadora e defendeu moi dignamente ao noso país. O seu voto en contra dos orzamentos que reducían un 40% o investimento para Galicia foi o voto da dignidade. A presión é tremenda porque quero continuar con ese legado. En canto ao CIS, as enquisas son moi volátiles; esta fíxose hai un mes e non había separación real entre as forzas. Segundo as enquisas de Sondaxe, máis actuais, en tres días triplicamos a porcentaxe de intención de voto. Imos ter un resultado moi digno. De dous escanos por Pontevedra non baixo.

Por que En Marea debería manter representación en Madrid?
Temos unha aposta única a nivel galego: por un lado somos capaces de negociar e crear maiorías progresistas e demostrámolo nos últimos anos. Conseguimos o aumento do SMI, a regularización das pensións... En Marea estivo apoiando esas cuestións. Pero tamén apostamos por defender os intereses de Galicia. Nunca seremos un cheque en branco a un goberno progresista. Solicitaremos que se teñan en conta as nosas demandas, uns orzamentos dignos que permitan o desenvolvemento económico da provincia. Teñen que crearse as infraestruturas que nos permitan desenvolver o tecido industrial. Precisamos xa o Eixo Atlántico, a conexión entre Pontevedra, Vilagarcía e Vigo; a saída sur de Vigo, vertebrar o territorio... A comunicación de mercadorías e cidadáns permitirá xerar industrias, postos de traballo e que a xente poida volver e ter un futuro digno neste país. En Marea vai apoiar esas maiorías progresistas. Non imos esperar tres anos cando hai a posibilidade de crear unha maioría alternativa á dereita desde o principio da lexislatura.

Cre que o divorcio con Podemos afectará ao resultado? O electorado ten claro quen sodes unhas e outras e que ofrecedes?
A xente vai premiar a nosa coherencia. A nivel político o que resta é dicir unha cousa e facer a contraria. En Marea foi clara: apostamos por maiorías progresistas, defender o noso estado de benestar e o sistema público de sanidade, educación e pensións, pero tamén levaremos a Madrid os debates importantes para a provincia: a conexión ferroviaria, Ence... E non só iso, senón toda a problemática medioambiental das rías de Pontevedra. Galicia ten que ter unha voz.

Fala de Ence. Tanto o seu traslado como a transferencia da AP-9 son demandas nas que coinciden con BNG e En Común. Pode supoñer un reparto de votos? Que diferenza a En Marea desas opcións?
Desde unha perspectiva ecoloxista defendemos outro modelo de desenvolvemento económico máis sostible. Estamos en contra desas empresas que destrúen máis emprego do que xeran, pero tamén imos buscar solucións para o saneamento da ría e a recuperación da nosa biodiversidade. Apostamos pola transferencia da AP-9 e pola súa gratuidade. Cando sexa de balde non será necesaria a A-57. O orzamento desa autovía ten que destinarse á recuperación da AP-9. Por outra banda, en Pontevedra a maioría das candidatas somos mulleres e iso é moi positivo, pero dentro da esquerda determinadas figuras, mesmo sendo mulleres, representan o establishment político, o levar toda a unha vida dedicándose profesionalmente á política. Mesmo hai candidatas que se moveron de circunscrición simplemente para manter o seu posto. Iso non é efectivo á hora de recoller votos. Viuse en Estados Unidos con Hillary Clinton e en Andalucía con Susana Díaz. A aposta de En Marea é pola nova esquerda, que opta por modelos sustentables, xustos, humanos e solidarios.

Alude directamente a Yolanda Díaz [que cambiou da Coruña a Pontevedra para encabezar a candidatura de En Común-Podemos-EU]. Cre que perderá votos por este feito?
É unha pregunta para Yolanda. Dicía que non serán un cheque en branco, pero ao mesmo tempo aposta polo pacto entre forzas progresistas.

Apoiaría unha hipotética investidura de Sánchez?
En Marea vai apostar por maiorías progresistas no Congreso e as enquisas revelan que, agora mesmo, as dereitas non suman. O que se xoga o electorado cando vaia ás urnas o día 28 é se queren un goberno progresista do PSOE que negocie e cree maiorías alternativas con forzas como En Marea ou se quere un PSOE que negocie con Ciudadanos e se encore á dereita. Penso que é máis preferible o primeiro. Somos garantía de que se vai apostar pola mellora da realidade social de Galicia.

"Nunca seremos un cheque en branco a un goberno progresista"
Comentarios