Isolina Villaverde chega a Bruxelas

Como neta dunha muller represaliada, a pontevedresa María Lores falará sobre a memoria de todas elas, este mércores, ante o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, nunha xornada na que tamén participarán representantes de Ceaqua e da Asociación de Niños Robados
A pontevedresa María Lores. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera A pontevedresa María Lores. GONZALO GARCÍA (ADP)

A historia de Isolina Villaverde, veciña de Mourente, escóitase este mércores en Bruxelas. A encargada de contalo é súa neta María Lores, ante o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo. Isolina Villaverde Cendón, segundo recolleu a investigadora e xornalista Montse Fajardo no seu traballo Do gris ao violeta, quedou viúva e con tres fillos o 23 de agosto de 1936. O seu home, o canteiro e sindicalista da UXT Aurelio Torres, O Pacheco, foi delatado pola mesma veciña que o agochaba e o seu cadáver apareceu de madrugada, mutilado, en Carabelos.

'A voz silenciada das mulleres'
"Falarei da miña avoa brevemente, porque a miña intervención estará centrada na memoria das mulleres, de todas elas"

"Falarei de Isolina brevemente, para presentarme, para explicar por que estou eu aí, pero a miña intervención estará centrada na memoria das mulleres represalidas, de todas elas", explicou na previa María Lores. "Non podo repasar cada biografía, porque serían milleiros e milleiros delas. Tratarei de falar no nome de todas".

A voz silenciada das mulleres é o título da intervención de María Lores. Franquismo post Franco, o da xornada que o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo –no que está integrado o Bloque Nacionalista Galego (BNG)– organizou para este mércores na Eurocámara e no que interveñen, ademais de Lores, como representante dunha familia represaliada pola ditadura, membros de colectivos como a Asociación de Niños Robados ou a Coordinadora estatal de apoyo a la querella argentina contra crímenes del franquismo (Ceaqua).

"Imos participar nunha xornada ante os distintos partidos políticos que están nese grupo de memoria do Parlamento Europeo", explica a pontevedresa. "Imos dende Galicia, dende Asturias, dende distintas partes de España e dende distintos colectivos, para seguir dándolle voz ás vítimas". O obxectivo final, segundo di, é seguir presionando a nivel internacional con distintas iniciativas para que se investiguen os crimes do franquismo.

"Do que se trata é de axudar a que se investigue o que pasou, a que se anulen as sentenzas, a que se presione dende o ámbito internacional ao Estado Español para que se faga xustiza", remata.

Outros participantes. Torturados por Billy, el niño e investigadores
Na xornada Franquismo post Franco na Eurocámara (20 de novembro, de 09.30 a 13.00 horas, Sala A5E1 do Parlamento Europeo) participarán, ademais de María Lores, o presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña; a representante da Asociación de Las 13 Rosas de Asturias, Laura Díez, e a representante da Asociación de Niños Robados, Sol Luque.

Tamén viaxarán a Bruxelas os investigadores galegos Carlos Babío (autor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, que serviu de base para a demanda presentada pola Avogacía do Estado co fin de reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público) e Manuel Monge (autor da obra Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo), así como Miguel Ángel Gómez e Rosa García, representantes das persoas que acusan de torturas ao policía franquista Antonio González Pacheco, coñecido como Billy el Niño.

"Como demócratas temos a obriga de frear o avance do fascismo no Estado español e en Europa e dar cumprimento á resolución aprobada hai un ano na Eurocámara e prohibir as fundacións vinculadas ao franquismo", destacaba voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, unha das impulsoras desta xornada e coautora desa resolución á que se refire, en palabras recollidas pola axencia Europa Press.

"O testemuño destas persoas daranos unha visión ampla do terror que exerceu o franquismo desde os seus inicios", explica.

Comentarios