Israel Picón: "En Galicia, a profesión de arqueólogo está sen definir"

O pontevedrés é o presidente da Asociación de Empresas de Arqueoloxía de Galiza ▶"O que corre perigo é o patrimonio de todos", di

O arqueólogo pontevedrés Israel Picón. CITANIA
photo_camera O arqueólogo pontevedrés Israel Picón. CITANIA

Máis de 150 arqueólogos galegos, do sector público e do privado, asinaron o pasado mes de setembro un manifesto no que reclaman regulación para un sector que consideran abandonado polas administracións. Entre outras cousas, advirten do perigo que supón o intrusismo no traballo de campo e reivindican a creación dun grao universitario, como existe en Madrid, Barcelona ou Granada. "O que corre perigo aquí, ao final, é o noso patrimonio, o patrimonio de todos. Hai que protexelo. E isto é algo que non digo eu, dío a lei. O que non se pode facer logo é dicir unha cousa e facer a contraria. Por iso asinamos este manifesto", di Israel Picón (Pontevedra, 1976), presidente da Asociación de Empresas de Arqueoloxía de Galiza (Aega) e corredactor do texto.

Pendentes de manter unha reunión coa Xunta de Galicia para presentarlle as súas reivindicacións, Picón, que está licenciado en Historia pola USC e é un dos socios da empresa Citania, explica que a xente da profesión esixe que se regule o seu traballo. "Fomos diferentes profesionais da arqueoloxía os que sentamos a falar sobre a nosa situación hai un ano. Todos nos mostramos preocupados sobre a indefinición do que é un profesional da arqueoloxía e o progresivo intrusismo profesional que percibimos". Ese intrusismo derívase precisamente da falta de definición, segundo di. "As dúas cousas van engarzadas. Vemos como xente de Xornalismo ou de Humanidades está a facer traballos de campo de arqueoloxía. En Galicia, a profesión de arqueólogo está sen definir".

CONSECUENCIAS. Para Picón, estas circunstancias poderían ter consecuencias graves para o patrimonio. "A Dirección Xeral de Patrimonio, que é a queautoriza que alguén poida dirixir unha obra, está abrindo a man. E isto é algo que aprecian e denuncian mesmo os arqueólogos da Xunta. Por iso se fai imprescindible definir que é un arqueólogo e que non o é".

O que o colectivo lle esixe á Xunta é a redacción dun novo decreto de regulación da actividade. "Porque consideramos que o anterior, que é do ano 1995, está obsoleto", di Picón. "Queremos que nos escoiten e queremos formar parte da nova redacción porque somos os que estamos a traballar nisto día a día".

Conscientes de que se trata dunha reivindicación máis a longo prazo, os arqueólogos tamén piden que se cree unha titulación de grao de cara ao futuro. "Xa non é só que o patrimonio arqueolóxico en Galicia é moi abondoso, xa non é que teña unha importancia fundamental na configuración da identidade e da nosa cultura, é que non pode ser que a formación se reduza a un máster universitario ao que acceden estudantes de distintas disciplinas". Para os profesionais do sector, ese máster "non é capacitatorio para exercer despois ou para dirixir unha intervención". Por iso avogan pola creación dun grao. "Sabemos que isto non é tan sinxelo, pero non é tampouco ningunha loucura. Por que pode ser que exista en Granada e non aquí?".

Arqueólogos como Xulio Carballo, da Xunta de Galicia, ou Antonio de la Peña, do Museo de Pontevedra, asinan o manifesto promovido por Aega e polo colectivo de traballadores adicados á arqueoloxía en Galicia. "Para nós foi algo sobrecolledor contar con tantísimos apoios dende o principio", remata Picón. "Demostra que existe unha preocupación importante polo futuro da nosa profesión".

Manifesto en defensa da profesión da arqueoloxía
"Os profesionais da Arqueoloxía galega, entre os que nos encontramos os arqueólogos e as arqueólogas que traballan no sector privado, os das Administracións públicas (Xunta, Concellos, Deputacións), os dos centros de ensino e investigación (universidades, CSIC) e os dos museos, esiximos que por parte das Administracións públicas, especialmente o Estado e a Xunta de Galicia, a través das súas consellerías de Traballo, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se defina claramente a profesión de arqueólogo/a, cal é a titulación universitaria requirida e quen a pode exercer, posto que unha parte da sociedade xa o está a esixir desde hai bastantes anos. De acordo con iso, débense definir as titulacións e os requisitos que se deben cumprir para exercer a profesión.

Por outra parte, débese crear xa unha titulación de grao en Arqueoloxía nas universidades galegas, ben na de Santiago de Compostela, ou conxuntamente entre dúas ou tres universidades galegas. Esa titulación é precisa por dúas razóns esenciais:

1) O patrimonio arqueolóxico galego é singular, específico e diferenciable doutros ámbitos culturais peninsulares e europeos

2) Ten unha importancia esencial na configuración e identidade da cultura galega.

O profesional da arqueoloxía asume moitas e variadas responsabilidades científicas, xurídicas e sociais, do que moitas veces se esquecen os medios de comunicación (...). Por iso os arqueó- logos e arqueólogas asinantes apoiamos os pasos que se dean nese sentido".