Itineranta e Trebellando terminan as súas funcións tras unha semana máxica

Nacho Vilar & Yllana, Ale Hop, Soun de Secà e La Fam foron as compañías encargadas de pechar o Itineranta deste ano ▶ Trebellando na Alameda puxo o punto e final ao seu verán cun concerto a cargo do grupo ‘Ollo Piollo’
Unha das representacións. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Unha das representacións. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Acabouse o confeti, acabáronse as funcións peregrinas e acabouse a diversión entre as sombras das árbores da Alameda. Polo menos, polo de agora. Itineranta e Trebellando chegaron a fin das súas edicións deste verán tras cinco días nos que Pontevedra converteuse no decorado onde as historias de ambas iniciativas decidiron rodar as súas obras.

O último día, aínda coa tristura que acompaña a -case- calquera final, volveu a estar moito máis preto das risas que das bágoas. Para Itineranta, este fin de festa comezou ás 19.30 horas, coa representación de Glubs por parte de Nacho Vilar e Yllana. Unha función que transformou por unha hora a rocha da zona vella nas ondas dun mar en tempestade, nunha travesía que comezou na avenida de Santa María e que surcou o Casino ata acabar atracando en Curros Enríquez. Un grupo de mariñeiros que, co humor como espada, se encargaron de amosar que ata a desgraza pode contarse desde a diversión.

Ás 20.30 chegou o turno do Voluminaires Futuristic Freaks da compañía Ale Hop: unha viaxe a unha grotesca terra de fantasía que atopou as súas fronteiras en Montero Ríos e nas prazas de España, da Peregrina e da Ferrería. O espectáculo, un desfile de inefables figuras antropomórficas, converteu a súa sorpresa en apta para todos os públicos.

E mentres estes estraños seres atopaban o final do seu camiño no corazón da Ferrería, non moi lonxe de alí, apostados no Teatro Principal, os representantes da compañía Soun de Secà comezaban a súa peregrinación polas prazas do Teucro, das Cinco Rúas e da Verdura. Unha peza chea de Sabor que integraba ao público presente, entre notas de percusión, co fin de que este fora parte activa da representación do grupo catalán de artes escénicas.

O último capítulo deste ano, que empezou nun prime time situado ás 22.00 e ubicado en Montero Ríos, recaeu nas costas -cortesía de La Fam- dunha figura que non perde forza por moito que se reitere nela: Aquiles, un dos grandes héroes da mitoloxía grega, foi o encargado de pechar a XI edición do Itineranta. Un semideus de máis de cinco metros de altura que fixo súas, como se foran parte de Troia, as prazas de España, da Peregrina e da Ferrería, último punto dun camiño que non perdeu un ápice de espontaneidade pese a estar marcado no mapa da cidade do Lérez.

Xunto a Itineranta, ademais, as sete da tarde do venres tamén marcaron o final dunha nova edición de Trebellando na Alameda. O teatro, a maxia e os espectáculos circenses que acompañaron ás crianzas durante toda a semana deixaron paso á música: un concerto que significou a fin das actividades na Alameda e que estivo a cargo do grupo infantil Ollo Piollo. Nos cativos, claro, atoparon o coro e os bailaríns que de seguro andaban buscando.

Comentarios