O IV Certame 'Xoga coas manciñas' xa ten gañador e será anunciado o 14 de xuño

O concurso forma parte da programación que a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia prepara para o 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos
Reunión do xurado na mañá deste luns. DAVID FREIRE
photo_camera Reunión do xurado na mañá deste luns. DAVID FREIRE
Xa hai gañador para o IV Certame Xoga coas manciñas, no que participan escolares de toda a provincia con vídeos nos que interpretan contos ou cancións empregando a lingua de signos. O concurso forma parte da programación que a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) prepara para o 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos. Será precisamente ese día cando se darán a coñecer os gañadores do certame, nun acto que terá lugar no Pazo Provincial.

Polo de agora, na mañá deste luns reuníronse os membros do xurado, composto polo Concelleiro de Benestar Social Municipal, Marcos Rey; a Deputada de Cohesión Social, Olga García; a Deputada de Lingua María Ortega; e a Presidenta de Xoga, María Jesús Monterde. Tiveron que escoller entre 31 traballos presentados por escolares da provincia de Pontevedra.

Xunto ao premio da presente edición, no acto do vindeiro 14 de xuño entregaranse tamén os premios dos gañadores do III Concurso de Xoga coas Manciñas, que o ano pasado non se puido entregar de forma presencial debido á situación sanitaria.

Ademais da entrega deste premio, o colectivo ten previsto organizar unha serie de actos de sensibilización coincidindo coa mencionada efemérede, para visibilizar e normalizar con sinxelas iniciativas o uso desta lingua entre os escolares e a cidadanía de toda a provincia de Pontevedra baixo o lema Máis que nunca, preto de ti.

Deste xeito , dende o venres 11 ata o domingo 14 de xuño, a través das redes sociais do colectivo realizarase o sorteo dunha praza gratuíta de lingua de signos dun curso de A1 (60 horas) para maiores de 16 anos que vivan en Galicia. Por outra parte, entre os días 7 e 13 de xuño levarase pola provincia unha mostra itinerante sobre a importancia da comunicación con lingua de signos. Do mesmo xeito, ofrecerase unha sesión de contacontos dunha hora en lingua de signos, unha charla sobre diversidade sensorial.

Na fin de semana entre o 11 e o 13 de xuño tamén se levarán a cabo accións simbólicas en concellos e outras institucións, coa iluminación da fachada de casas consistoriais de cor turquesa en conmemoración do Día da Lingua de Signos. En Pontevedra, ademais, iluminarase o Pazo provincial e colocarase unha pancarta no edificio do Concello.


Coro A Xunqueira. Proxecto Manciñas para a difusión escolar da lingua de signos

Comentarios