Iván Puentes proxecta un Parque da Camelia entre Ernesto Caballero e José Malvar

Estará adicado á especies de valor floral, custará 1,5 millóns e contará con fondos Next Generation
Iván Puentes, nos terreos onde propón o Parque da Camelia. DP
photo_camera Iván Puentes, nos terreos onde propón o Parque da Camelia. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, proxecta dotar a unha das máis importantes bolsas de solo verde da zona Leste da cidade, a UA 23, situada entre as rúas Ernesto Caballero e José Malvar, nas inmediacións da pasarela do tren, dun Parque da Camelia que exhiba varias das variedades máis singulares e prezadas no mundo e que se converta nun espazo simbólico.

Esta proposta formúlase dentro dun ambicioso plan de desenvolvemento urbanístico iniciado cun proceso de expropiación das propiedades incluídas nesta unidade de actuación (ao igual que aconteceu coas parcelas da traseira do Pavillón dos Deportes), prevista polo PXOU como zona verde, contemplando a urbanización e mellora paisaxística de todo o contorno, a creación dun novo parque infantil e a instalación de mobiliario e iluminación.

Segundo explica o portavoz municipal do PSOE, "o conxunto de parcelas que conforman esta enorme zona verde suman máis de 11.000 metros cadrados, isto é, case dúas veces o terreo de xogo do campo de fútbol de Pasarón, polo que esta intervención traducirase no desenvolvemento urbanístico dunha zona da cidade que se atopa agora mesmo incompleta".

"Pontevedra é a cidade da camelia -sinala Iván Puentes-, pero carecemos dun lugar representativo cunha colección de variedades de camelias orixinais e singulares. Queremos crear un parque dedicado á camelia, que se converta nun espazo simbólico e representativo para a cidade, incorporando variedades valoradas polas súas flores, olor, características e porte, e esta zona verde situada na traseira de Ernesto Caballero parécenos moi acaída para ubicalo, xa que ten unhas condicións de sombra apropiadas para a camelia e un chan bastante fértil".

Tal e como lembra o concelleiro socialista, "este desenvolvemento urbanístico iniciouse por unha das vías que a lexislación establece, ao igual que a da compensación, que é a vía dunha expropiación que solicitaron os propios veciños". En virtude do proxecto básico elaborado polo enxeñeiro técnico agrícola José Manuel Pino e que Iván Puentes vén de asinar (un documento administrativo necesario para iniciar o antedito procedemento expropiatorio), os obxectivos do proxecto pasan por mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha mellor composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación dos seus valores estéticos, a creación dun parque dedicado á camelia, a instalación dun parque infantil que complete a oferta deste tipo de equipamentos no barrio e a xeración de ámbitos de socialización comunitaria, encontro e realización de actividades lúdicas mediante a dotación de áreas de estancia dentro do parque.