Jeffery Davis devolve o jazz á Ferrería

O cuarteto liderado polo intérprete canadense foi o encargado de dar o pistoletazo de saída á vixésimo oitava edición do Festival Internacional de Jazz de Pontevedra, tras dous anos de ausencia por mor da pandemia
Jeffery Davis Quartet no escenario da Ferrería e o público asistente á primeira xornada do Festival de Jazz. ANXO LORENZO
photo_camera Jeffery Davis Quartet no escenario da Ferrería e o público asistente á primeira xornada do Festival de Jazz. ANXO LORENZO

Dous anos despois, tras máis de setecentos días de ausencia, a música jazz volveuse apoderar da Praza da Ferrería nunha agradable noite de xullo. Foi Jeffery Davis, canedense de cuna e portugués de adopción, o encargado de asumir unha responsabilidade que nunca será pouca na cidade de Pontevedra: a de abrir un Festival Internacional que ten na tradición das súas 28 edicións a maior proba de amor posible a este xénero musical.

Ao subir ao escenario, Davis agradeceu ao Concello de Pontevedra esta oportunidade, así como a un público que, cando comeceu a tocar, respondeu á volta do jazz á cidade como se estivese a interpretar o seu propio swing cos artistas convidados.

Jeffery Davis, claro, non estaba só. Ao seu carón, presentados polo propio artista canadense, atopábanse José Soares no saxo alto, Demian Cabaud no contrabaixo e Marcos Cavaleiro na batería. Os tres, pezas dun puzle que, como todos os bos puzles, non formaban unha "parte de" senón un todo con Davis, axudaron ao intérprete principal e ao seu vibráfono a darlle cor a esa música tan persoal do canadense: aquela que mestura, nun alarde de anacronismo pretendido, os ritmos máis tradicionais do jazz coas súas correntes máis actuais.

O público, de todas as idades, encheu por completo a Praza da Ferrería na noite de onte. E pronto comezou a desfrutar do concerto: os aplausos, que non se fixeron esperar, atopaban o seu oco no cambio de protagonismo dos artistas, nas entradas de Davis como figura central ou nas partes nos que o seu grupo, con especial atención ao contrabaixo de Cabaud, pasaba a ocupar a primeira liña da partitura. Unhas pezas que destacaban pola súa harmonía, a tranquilidade dunhas notas que fluían in crescendo nalgunhas partes da actuación e que noutras, a súa vez, continuaban nun ritmo regular que se ía filtrando de forma orgánica polos tímpanos dos presentes.

A Ferrería, como non podía ser doutra maneira, gozou das pezas como un estómago famento disfruta dun prato de comida quente: con avidez, mais tamén cun sentido do gusto acentuado pola ausencia daquilo ao que se está acostumado e que, un día, polo que sexa, escórrese de entre os dedos.

O motivo deste parón de dous anos, por todos coñecido, foi a pandemia do coronavirus. Outras iniciativas alternativas, no lugar do jazz, substituíron a este nos veráns do 2020 e do 2021. Pero, como onte se fixo evidente, dous anos sen jazz eran demasiados anos sen jazz.

De André Silva ata Samantha Fish

O concerto de Jeffery Davis tan só foi a actuación inaugural dun ciclo de música jazz que volve con moita forza á Ferrería.

Este xoves, ás 22.30 horas, a hora programada para todos os concertos desta nova edición do Festival Internacional de Jazz, será a quenda de André B. Silva.

O venres, a súa vez, as bancadas poderán desfrutar dunha actuación protagonizada pola barcelonesa Andrea Motis.

O sábado, será a danesa Ida Nielsen quen faga deslizar as súas notas polos atentos oídos do público pontevedrés.

Para rematar, o domingo será o día de Samantha Fish, a cantante e guitarrista norteamericana encargada de poñer o punto e final a unha nova edición de noites de jazz que, de seguro, xa se botaba de menos na cidade do Lérez.

Comentarios