jueves. 17.10.2019 |
El tiempo
jueves. 17.10.2019
El tiempo

Joan Marc Simón: "Pontevedra camiña cara ser unha provincia de residuos cero grazas ao plan Revitaliza"

Joan Marc Simón. DP
Joan Marc Simón. DP
O director executivo de Zero Waste Europe valora o plan de compostaxe de Pontevedra como "experiencia relevante"

ZERO WASTE Europe é unha axencia europea que implementa boas prácticas na xestión dos residuos e informa das decisións da Comisión e Parlamento Europeos. Participa nos procesos de novas tecnificacións e da ferramentas para cumplir as políticas de reciclaxe da Unión, "porque tan importante é a lei como que se aplique", segundo afirma o seu director executivo, Jean Marc Simón.

Nese marco de botar a andar as políticas europeas é onde "boas prácticas" como o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra, liderado polo vicepresidente nacionalista César Mosquera, "é moi útil". O plan provincial foi cualificado dous anos seguidos por Zero Waste como "experiencia relevante" e agora difúndese dende Bruxelas nunha publicación monográfica que explica as súas características. "Hai sitios onde nos preguntan como facer para cumplir os obxectivos de reciclaxe da UE e o exemplo está aquí, en Pontevedra", asegura Simón.

Por que chega o Plan Revitaliza de compostaxe dende a provincia de Pontevedra a Bruxelas?
Porque consegue capturar a materia orgánica (a parte do lixo formado por restos de comidas e vexetais) dunha forma descentralizada, moi económica, e crear emprego local. É un modelo totalmente exportable para áreas similares tendo en conta onde se atopa Europa hoxe en día. Interésanos crear ocupación local e xestionar os recursos de maneira sustentable. A lei agora di que hai que reciclar o 50% dos residuos en 2020 e un 65% en 2030, e nós estamos buscando formas de acadar esas cifras. O sistema de Pontevedra é unha ferramenta que ten calquera rexión que non saiba por onde comezar. Nós o que ofrecemos é dar o seu exemplo, porque o que se pode facer é simplemente replicar o seu modelo adaptándoo ás características propias.

Hai sitios onde nos preguntan como cumplir cos obxectivos da reciclaxe da Unión Europea e o exemplo está aquí

Cales son as vantaxes máis claras deste sistema descentralizado de xestión dos residuos orgánicos?
É un sistema integral. Aquí a Deputación formou a persoal técnico propio, faise un seguimento técnico da compostaxe, e ademais aplícanse novas tecnoloxías. O feito fundamental é que hai unha economía circular de proximidade tratando os residuos orgánicos en composteiros comunitarios, individuais ou pequenas plantas de compostaxe. Descentralizar a xestión significa menos transporte e menos grandes infraestruturas. Nun caso como Pontevedra, con pouca densidade de poboación, isto ten todo o sentido. A maioría de Europa ten áreas pouco densamente poboadas e non ten sentido recoller e transportar os residuos a centos de quilómetros.

A compostaxe é unha opción dentro da loita contra o cambio climático pero hai alternativas?
O ciclo de nutrintes, o lixo que producimos de materia orgánica, ou o devolvemos aos solos e capturamos o carbono e evitamos que se escape á atmosfera –creando o cambio climático–, ou o queima mos ou imos ao vertedoiro. Neses casos creamos CO2 ou outro gas máis perxudicial… Por iso a Unión Europea apoia todo o que sexa compostaxe. É o futuro.

Como cambiar hábitos na poboación despois de estar anos co vixente modelo de lixo?
Pois é fundamental traballar coa xente para que entenda a importancia do que fai, a importancia de compostar, e empoderalos. Nese sentido non é extraño que o plan de Pontevedra traballe moito coa xente e co boca a boca, para que entenda e se eduque neste cambio. No futuro calquera variación dos hábitos debe ter como base as explicacións e que o cambio sexa económicamente positivo para quen o utiliza, e tamén máis conveniente. Cando a xente ve o Revitaliza, ve que é máis barato e máis fácil, e a xente móvese por incentivos. Sempre hai quen é reacio, pero cando estea convencido será o máis activo.

A APP é moi novidosa. Pódese controlar en tempo real toda a información sobre os composteiros

Formar e manter persoal técnico como os e as mestras composteiras é unha clave no Revitaliza, algo que non existe noutros lugares e que lle da valor…
Si, claro. Nós participamos na formación de mestres compostadores. Hainos en diferentes sitios de Europa, pero o que ten de particular o modelo Revitaliza de compostaxe é que ten unha formaciónpropia do persoal técnico. E que ese persoal controla un plan que se deseñou para municipios diferentes. Dependendo da densidade de poboación e as características de cada lugar, impleméntase o modelo de forma máis personalizada, con máis compostaxe comunitaria, máis individual… pero sempre cun seguimento e control técnico propio e profesionalizado.

Un dos elementos que destacan na publicación sobre Revitaliza é a APP creada específicamente para a monitorización da compostaxe.
Si. A monitorización, o control da compostaxe é necesario sempre. Pero a APP é moi novidosa. As e os mestres compostadores poden meter datos dende o teléfono móbil e controlar en tempo real toda a información sobre os composteiros e facer seguimentos e trazabilidades. Isto permite ver a viabilidade do sistema. Ata o de agora os sistemas de compostaxe eran máis tradicionais e esta APP aúna a información e da unha visión global en tempo real. É unha grande innovación. O futuro pasa porque a economía dixital e a tradicional vaian da man.

Hai xente contraria ao modelo e tamén hai unha parte política que o cuestiona…
A política é a política, pero o resto do mundo debe ir cara adiante. O importante son os resultados, a súa transparencia. No caso de Pontevedra os datos son transparentes. Se hai sistemas mellores a oposición política debería amosalos e ter unha discusión técnica. Políticamente todos queremos varrer para a casa, pero nas decisións importantes hai que ter unha base técnica. O caso de Pontevedra está moi ben defendido a nivel de datos. Por iso Zero Waste lévao a Europa. Nós non levamos ideas políticas á Comisión e ao Parlamento. Levamos ideas que funcionan e que teñan datos que o demostren.

A lei agora di que hai que reciclar o 50% dos residuos en 2020 e un 65% en 2030, buscamos formas de acadar esas cifras

Zero Waste declarou Revitaliza experiencia relevante e acaba de facer a publicación monográfica, que pasos quedan?
Seguiremos vendo como evoluciona o plan provincial. Na Comisión de Medio Ambiente presentaremos esta experiencia novidosa e queremos que se teña presente para que outros países poidan levala á práctica. Logo está o Parlamento, no que normalmente están abertos a propostas como o Revitaliza, que podemos dicir que está a nivel de superpolíticas como a do Pacto Verde. Realmente, o Revitaliza é un estudo de caso de Zero Waste Europe porque está totalmente aliñado cos principios de Zero Waste ou residuo cero, un obxectivo global cara o que hai que camiñar en todo o mundo aínda que sabemos non se dará ao curto prazo… Por iso podemos dicir que Pontevedra camiña cara a ser unha provincia Zero Waste grazas ao Revitaliza.

Joan Marc Simón: "Pontevedra camiña cara ser unha provincia de...
Comentarios