Jordi Sierra i Fabra virá ao III Congreso de Mediación Lectora de Pontevedra

Ledicia Costas e El Hematocrítico manterán un encontro no evento Tonucci volverá á cidade o 28 de febreiro
Eulalia Agrelo, Carme Fouces e Manuel Morquecho (de esquerda a dereita). GONZALO GARCÍA
photo_camera Eulalia Agrelo, Carme Fouces e Manuel Morquecho (de esquerda a dereita). GONZALO GARCÍA

Unha conferencia do pedagogo italiano Francesco Tonucci, o 28 de febreiro, e o III Congreso de Mediación Lectora, que conta este ano entre os seus convidados "co autor máis recoñecido da literatura infantil e xuvenil en España", Jordi Sierra i Fabra, e que se celebrará entre o 26 e o 28 de marzo, completarán, de xeito previo e posterior, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Anunciouno este martes a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que lembrou que o evento terá lugar este ano entre o 6 e o 22 de marzo, estará adicado ao humor e contará con Italia como país convidado.

O coordinador das actividades culturais da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho, e a docente e coordinadora do congreso, Eulalia Agrelo, acompañaron á concelleira na presentación destas actividades. Agrelo foi a encargada de avanzar os contidos da proposta de mediación lectora, que inclúe actividades de distinto tipo, mesas redondas e obradoiros.

A proposta busca expandirse coa colaboración das distintas facultades de Ciencias de Educación de Galicia

Entre os convidados do congreso, ademais de Sierra i Fabra, destaca a presenza de Kiko da Silva, un dos autores homenaxeados no Salón do Libro deste ano (a outra é Helena Villar Janeiro), e Roger Olmos, no ámbito da ilustración; Ledicia Costas e El Hematocrítico, "un dúo exquisito" que protagonizará a xornada de clausura xunto a Lois Pérez, todos eles do ámbito do humor; e Ana Garralón, libreira madrileña e responsable do blog Ana Tarambana (anatarambana.blogspot.com), do ámbito da mediación lectora.

Os diferentes relatores do congreso serán ademais, en boa medida, os encargados de impartir varios dos obradoiros que inclúe o programa e nos que tamén haberá espazo para falar de transmisión oral, ciencia e videoxogos, entre outras cousas.

150 prazas. A organización do congreso lembrou que oferta 150 prazas (especialmente dirixidas a docentes, bibliotecarios, libreiros e monitores infantís), porque é a capacidade máxima que teñen os espazos que acollen os talleres no Pazo da Cultura. De igual maneira tamén avanzou que se manteñen contactos coas distintas facultades de Ciencias da Educación de Galicia para expandir a oferta do congreso ao maior número de estudantes universitarios posible.

As inscricións no Congreso de Mediación Lectora poderán realizarse dende o 1 de marzo na páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: www.salondolibro.gal.

Comentarios