Jorge Coira e Manuel Gago, á procura da 'paixón' no Museo de Pontevedra

O director de cine e o xornalista protagonizaron a segunda edición da iniciativa Visitas Cruzadas, organizadas pola Deputación, e percorreron os seus recunchos preferidos do lugar
Un momento da visita ao Museo
photo_camera Un momento da visita ao Museo

"Fixádevos neste mechón de cabelo, descolocado, romántico, libre. O pintor estanos dicindo: Ei, tíos, teño paixón!". Fala Jorge Coira ante o autorretrato de Modesto Brocos y Gómez, pintor e gravador galego de finais do século XIX e comezos do XX. Coira diríxese a un público de 50 persoas que acode ao Museo para descubrilo dende outra perspectiva dentro das Visitas Cruzadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Museo.

Jorge Coira "Os cineastas somos cazadores de momentos, como o eran os pintores antes da invención da fotografía" 

Os guías do percorrido do domingo foron o xa nomeado director de cine, Jorge Coira, e o escritor e xornalista Manuel Gago. Ambos os dous interpretaron algunhas das pezas que se amosan no Museo dende a súa experiencia. Así, o primeiro centrouse na pintura e na súa evolución dende o século XIV, comezando coa obra dun retablo dunha igrexa galega que representaba a historia dos dez mil mártires do monte Ararat.

O director de cine non puido evitar as comparacións entre a pintura e a sétima arte durante a súa visita. "Os cineastas somos cazadores de momentos, como o eran antesos pintores", explicou. Coira percorreu pinturas de artistas como Jenaro Carrero, Leopoldo Nóvoa ou Luís Caruncho.

ARTE CASTREXA. Pola súa banda, o xornalista e escritor Manuel Gago tratou de afondar nos conceptos de memoria e mito e falou da cultura castrexa. Comezou o seu percorrido polos restos dunha mámoa na que estaban gravadas unhas liñas onduladas que semellaban raios de sol. "Os dolmen estaban aliñados co universo, ao igual que as igrexas, que están orientadas ao leste; esa é unha costume que vén de moito antes do que pensamos", explicaba o xornalista.

Manuel Gago "Os nenos chamábanse Lancelot e Xenebra como hoxe se chaman Jennifer polas telenovelas"

Gago continuou a súa visita por un tesouro atopado en Antas de Ulla e espertou a curiosidade dos participantes na visita ao falar das espadas atopadas no cauce do río Ulla, á altura de Catoira, onde foron depositadas. "Aquí contábase o mito da espada Excalibur e os nenos chamábanse Lancelot e Xenebra como hoxe se chaman Jennifer polas telenovelas", explicaba o xornalista mentres amosaba restos de espadas atopadas en Galicia e que datan de finais da Idade do Bronce. "Aquela foi a época dos guerreiros e espadas coma estas eran alta tecnoloxía, coma os iPads de hoxe en día", contou.

O experto en cultura castrexa repasou tamén a historia duns obxectos moi característicos da vida nos castros, os torques, que tiñan un sentido máis alá do ornamental. De feito, algúns deles mesmo tiñan axóuxeres nos seus extremos para collelos nas mans e axitalos.

Un depósito fundacional dunha casa (unha especie de caixa que se conservaba a medida que pasaban os anos xunto á porta da vivenda), as figuras de dúas deidades castrexas, unha delas feminina, e mesmo unha pía de sacrificios gravada por un canteiro que non sabía moito de latín xa que deixou esculpida unha mensaxe con faltas de ortografía foron outras das pezas que percorreu o público de Manuel Gago mentres explicaba os costumes e o modo de vida dos galegos que viviron na Idade de Bronce e de Ferro.