José Ramón Gómez: "Non vexo xustificada a folga de Atención Primaria"

Fronte as peticións dunha Atención Primaria máis autónoma, o xerente da área sanitaria declárase "absoluto defensor da xestión integrada"

José Ramón Gómez Fernández, xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés. DAVID FREIRE
photo_camera José Ramón Gómez Fernández, xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés. DAVID FREIRE

A sanidade pública está no punto de mira. Médicos, enfermeiras, auxiliares e outros perfís sanitarios emprenderon revoltas cansos dos recortes, fartos da sobrecarga de traballo e faltos de reforzos. Porén, o xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, mantén a súa filosofía "optimista", convencido de que o sistema público mantén o pulso con dignidade.

A súa receita para desconxestionar os centros de saúde pasa por forzar a formación de novos especialistas e filtrar as citas urxentes para que non só sexan atendidas polos médicos de cabeceira

Os médicos de Atención Primaria rescataron a convocatoria de folga para o vindeiro día 19 . Cren que o acordo asinado entre sindicatos e Sanidade non os representa. Que lle parece?
Non vexo xustificada esta folga. Somos a única comunidade autónoma cun Plan de Atención Primaria para os anos 2019-2021, no que se recolle unha serie de actuacións consensuadas cos propios profesionais e unha partida económica que garante a súa execución. Pode haber dificultades nalgún punto, pero que haxa un rexeitamento frontal a todas as medidas, cando moitas delas foron solicitadas polo colectivo, é pouco entendible. Na negociación participaron todas as categorías de Primaria e mesmo moitos profesionais opinaron a distancia. Se Sanidade fixera ouvidos xordos... pero somos a única comunidade que permitiu a participación de todos os profesionais, asociacións e colexios oficiais.

Os médicos díscolos demandan unha Atención Primaria máis autónoma, con máis recursos e orzamento propio. O Plan atende estas reclamacións?
Eu entendo que está conseguido, pero cun matiz. A sanidade é un exemplo claro de que case calquera problema de saúde é resolto de xeito coordinado entre varios servicios e profesionais. No noso ADN está traballar en equipo para dar o mellor servizo, pero cando falamos de xestión parecemos olvidar isto e o que se demanda é o contrario: disgregar. Persoalmente son absoluto defensor da xestión integrada. En todo caso, os médicos partidarios da folga piden que a Atención Primaria teña visibilidade, que conte cun equipo que a xestione e que se poidan identificar as partidas orzamentarias. Pois todo iso está garantido. O novo decreto que regulará as áreas sanitarias contemplará unha estrutura específica para Primaria e as partidas estarán identificadas.

"É certo que se van xubilando médicos, pero aí a intención é favorecer prorrogar a súa vida laboral ata os 70 anos"

Á parte de que estean identificadas, piden un 25% do orzamento.
Incluso podería xustificar que o 30% do orzamento se destine a Primaria. O índice final está condicionado pola Farmacia. Por norma xeral, o investimento que dedicamos aos medicamentos financiados que se retiran nas farmacias está arredor dos 80 millóns e, aínda que é certo que unha parte responde a Atención Hospitalaria, a maior parte corresponde a Primaria, porque o nivel de consultas é moi superior.

Outra das liñas vermellas é que os médicos demandan máis persoal. Recibirán reforzos?
Na nosa área temos 180 médicos de familia que traballan en ambulatorios, 50 médicos de PAC e 40 pediatras. O Plan de Atención Primaria compromete a creación de 331 novas prazas, pero tamén se está forzando a formación de novos especialistas. Galicia contará con 17 novas prazas MIR de Medicina Familiar e Comunitaria e seis máis de Pediatría de Atención Primaria, polo que formarase un volumen de profesionais importante. É certo que se van xubilando médicos, pero aí a intención é favorecer na medida do posible, sempre que o profesional o acepte voluntariamente, prorrogar a súa vida laboral ata os 70 anos.

Tamén reclaman máis tempo para atender ao paciente. Advirten de que cinco minutos non son suficientes para examinar un enfermo con garantías. Que responde?
Hai dous factores que inflúen neste eido. Por un lado, Galicia ten unha poboación envellecida, cunha persoa de cada catro con máis de 65 anos e varios miles con máis de 90. Esta poboación vai acumulando problemas crónicos e diversas patoloxías, que derivan nunha maior demanda de asistencia sanitaria. Por outro lado, hai uha característica que cambiou, que é a inmediatez. Agora hai máis facilidades para concertar unha cita por teléfono, Internet ou no propio centro e, pola contra, hai un volume cada vez máis significativo de cidadáns que acuden persoalmente ao ambulatorio para solicitar unha cita que califican como urxente e que, polo tanto, estamos obrigados a resolver no día. Iso implica sumar á axenda, que soe contar cuns 30 pacientes, un número importante de citas, que na práctica non son todas urxentes. Ese vai ser o reto máis importante de Atención Primaria. Como atender esa demanda non programada no día. Para iso temos que volver avaliar que é a Atención Primaria e o equipo de profesionais que a integra. Non todo ten que chegar a resolverse na consulta do médico de familia. Haberá cousas que poderán resolver o administrativo, o traballador social, a enfermeira... Hai que analizar como se pode prestar o mellor servizo.

"Hai un volume cada vez máis signifi cativo de cidadáns que acuden ao ambulatorio para solicitar unha cita urxente"

Moitas veces os pacientes piden cita urxente porque non hai cita dispoñible en varios días. Porén, cando chegan á consulta a sala de espera está baleira. Por que?
É outra liña na que estamos traballando, na definición das axendas de Primaria. O obxectivo é establecer unha estrutura que se poida axustar á demanda, que non é lineal. Non podemos establecer uns ocos estándar, porque a demanda varía en función da época do ano. Por iso estamos vendo a posibilidade de flexibilizar as axendas para absorber os picos. Por outra banda, hai que ter en conta que un médico de familia tamén é médico de comunitaria e non só fai tarefas de consulta. Temos profesionais que son titores de futuros especialistas e xefes de servizo que teñen tarefas de organización, polo que seguramente teremos que axustar os seus tempos.

Outra demanda enriba da mesa é que as citas preferentes se resolvan en menos de 15 días. É viable?
Xa é viable na actualidade. Cómpre salientar que, cando un médico de familia sospeita que un paciente pode ter un tumor, actívase unha vía rápida que garante que en menos de 15 días ese paciente estará situado naquel ámbito hospitalario no que se lle vai valorar e dar resposta. E tamén hai unha Lei de Garantías, que permite que arredor de 140 procedementos se resolvan nun tempo máximo de 45 ou 60 días. En Pontevedra temos uns prazos de acceso de Primaria ao Hospital moito mellores que o resto de Galicia, pero é un reto que seguir mellorando. Para iso contamos coa e-consulta, que permite que, sen que o paciente se mova, un profesional de Primaria e outro de Hospital poidan avaliar conxuntamente a súa historia clínica para decidir a atención asistencial e a gravidade da situación con vistas a modular a cita de hospital. Deste xeito, as citas do especialista deixan de concederse por orde de solicitude e outórganse por nivel de urxencia.

"Estamos vendo a posibilidade de fl exibilizar as axendas para absorber os picos (de demanda)"

Pontevedra foi berce do movemento Enfermeiras Eventuais en Loita, que demanda máis plantilla e, sobre todo, máis prazas fixas. Está contemplada algunha medida nesta dirección?
En xeral, o procedemento sempre é o mesmo. Cada ano analizamos as necesidades e plantexamos un plan de persoal a servizos centrais. No caso de Enfermería, en España temos unha relación de médicoenfermeira menor de 1-1, é dicir, que en moitos ámbitos temos menos enfermeiras que médicos, cando noutros países a relación é incluso maior. Por este motivo, a Consellería impulsou outra liña de traballo en Atención Primaria, encamiñada a garantir esa relación dunha enfermeira por cada médico. Ademais, hai outra idea que vai axudar a cambiar a Atención Primaria a través de Enfemería, que é cobertura do servizo con enfermeiras especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.

Os PAC (Puntos de Atención Continuada) levan medio ano en folga. Aseguran que o Sergas non fixo cesións e que os complementos, as dietas e os uniformes son dereitos adquiridos hai anos. Resolverase o confl ito?
Cría que a folga se pararía hai uns meses, porque o Sergas sentouse con representantes dos PAC de xeito ininterrompido e porque a inmensa maioría das reclamacións foron atendidas. Faltan un par de puntos ligados par parte económica, pero o compromiso é aboar o 100% do complemento de nocturnidade e festividade.

Pero non se fará efectivo ata dentro de dous anos e os traballadores piden a súa aplicación inmediata.
Pero está acordado e son 600 euros anuais polas noites e 1.400 polos festivos. Tamén están aceptadas as dúas dietas para as quendas de 24 horas. É un avance claro, así que agardo que se resolva.

"Coa e-consulta, as citas do especialista deixan de concederse por orde de solicitude e outórganse por nivel de urxencia"

O ex xefe de Cardioloxía estuda denunciar o ditame do tribunal que lle impediu seguir á fronte do servizo. Alega que o departamento foi premiado a nivel nacional e que as cifras melloraron notablemente. Por que foi entón apartado do servizo?
Para cubrir unha xefatura de servizo os candidatos presentan un proxecto ante unha comisión de avaliación, no que recollen os obxectivos que plantean para os vindeiros catro anos, tanto a nivel asistencial como docente e de investigación. Neste caso a comisión avaliounos e pediu a presentación doutro proxecto para os próximos catro anos, co resultado de que o informe foi negativo nas dúas fases. Os premios están moi ben, e a relación con Atención Primaria, pero hai unha serie de obxectivos que se tiñan que ter cumpridos.

O doutor Díaz asegura que cumpriu máis do 95% dos obxectivos.
Pero iso refírese aos obxectivos anuais marcados pola xerencia para todo o servizo, non son os obxectivos da xefatura. Pode cumprilos ao 90 ou ao 95% e, aínda así, deixar de cumprir os retos polos que se che foi adxudicada a praza de xefatura de servizo.

Díaz criticou nalgunha ocasión a falta de recursos e a carencia dunha sala de hemodinámica estable, xa que a actual só pode ser utilizada os martes e os xoves. A súa saída ten algo que ver con este posicionamento?
O que se fai é avaliar un proxecto comprometido. Podes seguir como xefe de servizo a pesar de non cumprir o cen por cen, pero hai moitos ámbitos que se teñen que acadar.

Ante la falta de profesionales en Pediatría. "A idea é comarcalizar a atención pediátrica"

José Ramón Gómez Fernández, xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés. DAVID FREIRE (2)

A EOXI vén de anunciar que contratará a un pediatra a partir do 30 de xuño para substituír ao profesional prexubilado en Monte Porreiro e Barro. Porén, os veciños pediron que a incorporación fose inmediata para cubrir as vacacións do especialista. Por que non se incorpora xa?
Temos "paro cero" en Pediatría, polo que é moi difícil convencer a un profesional para que veña a Pontevedra a cubrir un tramo duns días ou semanas. Nós non cambiamos nada en Monte Porreiro, estamos traballando igual que nos últimos anos. Non tempos recursos para cubrir os permisos cortos. Sen embargo, a estratexia cambia cando se oferta un posto no que nuns meses se pode ser interino.

Pero estas non son unhas vacacións convencionais, senón que preceden a unha xubilación.
Ao mellor o novo profesional está facendo unha cobertura e non pode vir antes. Pero en xeral pretendo que os cidadáns e os responsables institucionais confíen no que traslado. Dende o pasado mes de outubro, acadamos solución para as prazas de Pediatría de Ponte Caldelas e A Lama, Bueu, Cuntis-Moraña...

Hai outros pediatras próximos á xubilación. Como vai garantir o seu relevo?
Formando a máis pediatras. Temos 40 pediatras, dos que sete cobren máis do 50% dos concellos (16 de 26). Están itinerantes, traballando entre dous, tres e, ata hai pouco, catro centros de saúde. Iso non é un servizo adecuado para o cidadán, que parece que ten que ter unha chuleta para saber onde está o médico. E tampouco é adecuado para os profesionais. En moitos concellos o número de nenos está por debaixo dos 100, polo que é difícil organizar.

O Sergas plantexa concentrar o servizo nalgúns centros.
A idea é comarcalizar a atención pediátrica, garantindo que os desprazarnentos dos cidadánxs sexan mínimos, e permitindo que os pediatras deixen de ser itinerantes e poidan traballar en equipo, compartindo problemas e sesións clínicas, que é como se traballa en sanidade. Están decididos os centros que poden quedar sen servicio de Pediatría? Non.

Avaliación. "Se teño un déficit, é que non sei vender demasiado ben"

José Ramón Gómez Fernández, xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés. DAVID FREIRE (3)

A sanidade atópase nun momento convulso, con case todas as categorías sanitarias en pé de guerra. Que valoración fai da súa xestión no ecuador de mandato?
Se teño un déficit é que non sei vender demasiado ben. Prefiro traballar, que as cousas vaian indo e que internamente os profesionais estean contentos. Porén, a miña valoración é positiva. Aumentamos plantilla en varios servicios, convocamos 33 xefaturas e nove reevaluacións, estabilizamos 415 profesionais con interinidades e fixemos un proceso de mobilidade interna no que máis de 500 persoas se recolocaron en postos que pudieron acadar por puntuación. Fixemos obras en distintos ambulatorios, renovamos áreas hospitalarias e habilitamos espazos para asociacións de pacientes. Modernizamos o equipamento, incluida unha segunda resonancia para Montecelo, un ecógrafo de fusión para cancro de próstata que chegará dentro dun mes e nova tecnoloxía para a Unidade de Dor, na que xa non existen as demoras que había hai uns anos. Impulsamos novas salas de raios para Baltar e Marín, e informatizamos o proceso de asistencia en Urxencias para axilizar unha área na que son sabidos os problemas que hai pola falta de espazo. Dito isto, sen a colaboración dos traballadores, unha xerencia sería incapaz de citar case ningunha cousa. E no ámbito da formación esta implicación é especialmente relevante, porque un profesional asume a maiores da súa tarefa a formación dun colega. No noso caso, aumentamos a oferta de formación de residentes en Cardioloxía, Endocrinoloxía, Enfermería e posiblemente o fagamos en breve en Reumatoloxía.

A maioría dos axentes sanitarios alaban a súa capadidade de diálogo, pero tamén critican que é moi brando fronte ás directrices de Santiago. Din que non pelexa o suficiente por Pontevedra.
Non é así. As actuacións que mencionei supoñen un investimento de tres millóns. O que pasa é que son moi consciente de que xestiono recursos públicos e non me vale a non xustificación. Calquera petición ten que ser unha necesidade que debe ser medida e xustificada. Servizos centrais sempre é receptivo a esa forma de pedir. E agardo anunciar máis medidas nos vindeiros meses.

Comentarios