José Ramón Gómez, xerente do CHOP: "As reclamacións do peche de camas son infundadas"

Co 89,3% dos servizos asistenciais do CHOP operativos durante a temporada estival, o xerente asegura que está garantida a atención sanitaria en todo momento. Ademais, avanza que están a traballar co estudo de arquitectura encargado do deseño do Gran Montecelo para que sexa o aprobado no plan funcional e de espazos

José Ramón Gómez, xerente da estrutura de xestión integrada (EXOI) de Pontevedra e o Salnés. GONZALO GARCÍA
photo_camera José Ramón Gómez, xerente da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e o Salnés. GONZALO GARCÍA

O XERENTE da Estrutura de Xesión Integrada (EXOI) do CHOP, José Ramón Gómez, responde á polémica do peche de camas tralas protestas da xunta de persoal, que os levaron a mobilizarse o pasado mércores, fala da situación na que se atopa o proxecto do Gran Montecelo e das listas de espera da EOXI.

O mércores Prosagal chamou á cidadanía a mobilizarse contra o peche de camas, que cifran en 83 en diferentes unidades.
Eles anunciaron que haberá 83 camas que non se van utilizar e, realmente, no momento máis alto non imos empregar 80. É dicir, exactamente o mesmo número que o ano pasado. Ademais, ningunha cama se pecha en ningún momento do ano, simplemente a responsabilidade —se non se precisan— é non empregalas.

Prosagal fala de que o ano pasado non se chegaron a abrir esas camas incluso con demoras en Urxencias de dez horas...
Pode dar a sensación de que paralizamos os hospitais en verán e que non dispoñemos das camas precisas para aqueles pacientes que teñan que ingresar, e ambas cousas son falsas. En verán ocorren dous feitos que se repiten todos os anos e que supoñen non empregar parte das camas sen ter ningún problema. Por un lado, hai unha menor demanda sanitaria en ingresos, chegando a diminuír un 10% e isto leva consigo unha menor necesidade de camas. O verán pasado, de 600 camas que hai en Pontevedra non utilizamos 150. E no Salnés, de 120 camas estivemos utilizando entre 70-75 camas. Por outro lado, a inmensa maioría dos profesionais collen as vacacións no período estival, polo que facemos unha planificación para que funcione o hospital. Ben é certo que calquera planificación en sanidade pode non ser exacta ou pode alterarse, polo que dispoñemos dun Plan de Continxencia polo que, no caso de que precisemos todas ou parte desas camas rapidamente se dota de persoal de enfermeiría, auxiliares, celadores...

"Inténtase dar unha imaxe distorsionada da realidade, como se paralizáramos a sanidade durante o verán"

Trabállase segundo os datos dopasado ano.
É que se intenta dar unha imaxe distorsionada da realidade, como se paralizaramos a sanidade. O verán pasado ingresamos máis de 6.500 pacientes, é dicir, estamos utilizando o que precisamos para darlle unha cama e acomodo aos pacientes que a necesitan. Ademais, en Cirurxía fixemos algo máis de 6.000 intervencións, das cales entre 1.000 e 1.050 foron urxentes e o resto son as de prioridade 1, que non se frean, e unha boa parte das prioridades 2 e 3, en función do persoal.

Entón, para vostede, as reclamacións que levaron a facer esta marcha son infundadas?
Absolutamente infundadas. Naturalmente, as organizacións sindicais teñen que velar polos intereses dos profesionais. Pero é que nin sequera alteran demasiado a súa vida laboral. Os que traballan, por exemplo, na unidade de Traumatoloxía que este verán non se vai utilizar teñen unha vantaxe importante, pois no período en que non funciona teñen liberdade para gozar das súas vacacións. Non como no resto das unidades que hai que facer quendas. E aínda teñen unha máis, que cando rematan as vacacións se lles dá a elixir unidades alternativas ás que ir, incluída Atención Primaria.

En que punto está a xestión do proxecto do Gran Montecelo?
Estamos traballando co equipo de arquitectura, teñen que entregarnos o deseño arquitectónico de cada área e estamos vixiantes de que é o aprobado no plan funcional e de espazos. Que ademais, era o deseño do Gran Montecelo que querían os profesionais, porque a participación de asociacións de pacientes, de colexios profesionais foi enormemente importante. E traballando a un ritmo suficiente para que se respecte o que dixo o conselleiro e que cara a primeiros de ano se poida proceder á licitación da obra. Tamén está previsto que cando o proxecto arquitectónico teña suficiente nivel de especificidade podamos presentalo aos profesionais.

Gran Montecelo vai solucionar todos os problemas da actual infraestrutura?
Dende un punto de vista de xestión e de organización sanitaria é moi importante que todos os recursos estean nun só ámbito físico. Un exemplo é que agora temos as Urxencias de adultos en Montecelo mais se é un paciente oncolóxico o seu ingreso se produce a distancia. É un bo exemplo para entender o beneficio que supón ter unha única urxencia, que Radioloxía estea preto de certos espazos, que se hai que hospitalizar un paciente só haxa que coller o ascensor... E, en canto a tamaño, iso defíneo o plan funcional. Polo que si, Gran Montecelo dá resposta suficiente.

Co aparcamento haberá que tomar unha decisión, que non corresponde dierectamente á EOXI

Despois de que o conselleiro de Sanidade dera por feita a creación dun aparcamento, o presidente da Xunta poñíao en dúbida e no Goberno municipal, PP e BNG rexeitan pedir a súa gratuidade. Cal é a súa postura ao respecto?
Iso aínda queda un pouco lonxe. Como Servizo Galego de Saúde temos que facer o mellor posible. E o mellor é un deseño do ámbito asistencial que cubra as necesidades e as expectativas de Pontevedra e de toda a área. E, polo tanto, a nosa obriga inicial nesta fase é estar no tema eminentemente asistencial e no deseño. Co aparcamento haberá que tomar unha decisión no seu momento, que seguro non corresponde directamente á EOXI. É algo que esta por enriba.

Listas de espera
"É materialmente imposible que as listas se maquillen para que salgan dun xeito ou outro" 
A EOXI de Pontevedra-Salnés ten as listas de espera máis baixas de toda Galicia. Que se debe facer para que sigan mellorando?
Todo é mellorable. As listas de espera en si non son un problema, só cando a demora dos pacientes é demasiado longa, aí si que a accesibilidade está máis comprometida. En Pontevedra temos das mellores listas de espera de toda Galicia, aínda que preguntando a cada paciente, dirán «eu estou mal», pois traballamos en momentos da vida con certo compromiso, con dor, con molestias... Pero teñen que entender que o volume de demanda é relativamente alto e que non toda é igual. O primeiro que facemos é establecer unha priorización clínica e non vai esperar o mesmo un paciente que ten pendente unha intervención por un proceso oncolóxico que un por unha hernia inguinal. A orde sempre é que a máxima prioridade clínica vai primeiro e o resto vai por orde de antigüidade. Mais a demora e a lista de espera non son algo plano.
Os sindicatos denuncian que estas listas están ‘maquilladas’.
Hai un sistema informático e é algo que non fan xeralmente os médicos, senón auxiliares administrativos en centros de saúde e nos hospitais de toda a área. É materialmente imposible que todo iso se maquille para que saian dun xeito ou doutro.

Comentarios