Josefina Arruti en banda deseñada

O Concello e O Garaxe Hermético traballan nunha colección de comics dentro do programa 'A memoria das mulleres'. Kiko da Silva e Pablo Prado presentan o primeiro título, 'Os berros da motocicleta', no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Capa provisional do álbum 'Os berros da motocicleta'. DP
photo_camera Detalle da portada 'Os berros da motocicleta', o cómic de Kiko da Silva e Pablo Prado. DP

No baixo da casa de Josefina Arruti, na rúa Benito Corbal de Pontevedra, estaba a sede dos cívicos (membros da denominada Guardia Cívica, unhas milicias cidadás que se encargaron de exercer a represión franquista entre a poboación). Condenada a arresto domiciliario, a muller, xunto aos seus nenos pequenos, tiña que escoitar como prendían unha motocicleta para que o ruído do motor tapase os berros das persoas que torturaban. "Por iso decidín titular o álbum Os berros da motocicleta", explica o debuxante Kiko da Silva. "Porque a escena me pareceu tremenda".


O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acolle o 26 de abril (19.00 horas, Pazo da Cultura, entrada libre) a presentación dun proxecto de banda deseñada sobre a biografía de Josefina Arruti. Kiko da Silva e Pablo Prado son os autores desta obra, titulada Os berros da motocicleta, que contou co asesoramento da xornalista especializada en memoria histórica Montse Fajardo e que prevé estar na rúa no mes de outubro.


Segundo explica Da Silva, o cómic é o primeiro dunha colección que o Concello de Pontevedra ten previsto lanzar dentro do seu programa ‘A memoria das mulleres’, que capitanea o concelleiro Luís Bará e que traballa na recuperación, divulgación e posta en valor de biografías de mulleres protagonistas da historia recente da cidade e da comarca, especialmente durante a Guerra Civil e o Franquismo.

"Neste proxecto comezamos a traballar o ano pasado", conta Kiko da Silva. "Foi nunha reunión con Luís Bará e Montse Fajardo na que saíu a idea de sacar adiante unha colección de banda deseñada de ‘A memoria das mulleres’ coa intención de achegar as vidas destas mulleres a un número maior de público".

Penso que esta iniciativa axudará a coñecer a mulleres como Arruty, realmente asombrosas, e das qeu aínda tan pouco se sabe 

A escola que dirixe o debuxante, O Garaxe Hemético, involucrouse no proxecto e Da Silva púxose, xunto a Pablo Prado, a traballar nun primeiro título. "Dende o principio, Bará tiña claro que tiña que estar adicado a Josefina Arruti. E eu estiven completamente de acordo", di o autor do álbum, ao tempo que recoñece a dificultade de sacar adiante títulos sobre estas mulleres das que, moitas veces, hai pouca documentación e está dispersa. "Neste caso traballos nun álbum de 48 páxinas. Manexamos moitos textos e imaxes, e fomos compoñendo unha historia persoal con moitas achegas sobre o momento histórico. Agora, queda entrevistarse coa familia para cotexar datos e algunha cousiña máis". 


Na presentación , os responsables do proxecto adiantarán algunhas páxinas da banda deseñada na que traballan. "Penso que esta iniciativa axudará a coñecer a mulleres como Arruty, realmente asombrosas, e das que aínda tan pouco se sabe".

BIOGRAFÍA: A muller do alcalde que ficou na cidade
"Durante o ano e medio que miña nai estivo no cárcere, miña avoa avisábaa de que pasaría con nós a certa hora pola rúa e ela asomábase á ventá para vernos ata que algún veciño berraba: ¡Esos rojos! ¡Está ahí en la ventana! ¡Guardias!», conta María del Carme Fernández Arruti no libro Do gris ao violeta

Fala das súas lembranzas sobre o tempo que pasou na cadea a súa nai, Josefina Arruty, muller do que fora alcalde de Pontevedra e presidente da Deputación, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. O 18 de xullo de 1936, o político estaba en Madrid, pero ela abandonara a capital de España cos seus nenos pequenos (de 6, 4 e 2 anos) para pasar o verán en Pontevedra. Aquí é detida e, sen ser xulgada, pasa 18 meses en prisión. Ao saír estaría outros dous anos en arresto domiciliario. "Despois continuaron as aldraxes. A familia asegura que, peor que a cadea, foron os insultos", recolle Montse Fajardo en Do gris ao violeta. Despois de participar na guerra, Osorio-Tafall exiliouse en México e formou outra familia. Non se volveron ver.