Juan Carlos Piñeiro: "Andrés Núñez Rajoy será posiblemente o noso candidato en Pontevedra"

O líder galego de CxG visitou este venres a Boa Vila e outros concellos da área para avanzar na carreira cara ás municipais do mes de maio

Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Que retos se marca CxG na provincia de Pontevedra de caras ás vindeiras eleccións municipais?
O obxectivo é presentar 120 candidaturas en Galicia, das que entre 25 e 35 estarán nesta provincia, incluídas Pontevedra cidade e Vigo. Estamos traballando niso e tamén en trasladar iniciativas a Bruxelas e ao Parlamento a través da área de participación.

Teñen pechada xa algunha desas candidaturas?
Ademais de Lalín, onde supoñemos que repetirá Rafa Cuíña, en Pontevedra faremos en breve a presentación pública do candidato. Aquí posiblememte sexa Andrés Núñez Rajoy, e digo posiblemente porque falta realizar o proceso interno de primarias, pero el ten disposición a selo e é un valor do partido. Tamén estamos traballando en Vigo porque queremos presentar as candidatuas nas dúas grandes cidades da provincia antes de que remate xaneiro.

Cita vostede a Cuíña, que é unha das principais referencias de CxG a nivel provincial e galego. Esperan revalidar con el a Alcaldía de Lalín?
Si. El non só é unha referencia no partido, senón que o seu traballo está acreditado. Saneou as contas do Concello, fai un gran labor e contamos con que obterá un bo resultado.

Cales son as bazas de CxG para gañar espazo no panorama político?
Somos un proxecto serio que ten cinco anos e que sufriu varios acontecementos coa constitución de AGE e das Mareas, pero seguimos traballando na implantación territorial, que para nós é o máis importante, e tamén conseguimos organizar a estructura do partido. Ademais, contamos co demérito do resto: Marea está como está, alí levan catro anos falando de si mesmos e xudicializando a vida do partido e a xente ten que acreditar nunha formación que non xogue coa súa ilusión. O PSOE ten un monte de conflitos abertos en Ourense, Lugo, na Coruña e nalgunha zona de Pontevedra, se ben é certo que nesta provincia está máis cohesionado, pero agora conta co problema de ter un discurso diferente en Madrid e en Galicia. O BNG ten o seu electorado pero non está recuperando o terreo que esperaba; e O PP xa é outra cousa.

O noso obxectivo é presentar 120 candidaturas en Galicia, das que entre 25 e 35 estarán nesta provincia

E que lectura fai da irrupción da ultradereita no panorama político español a través de Vox? Augúralle percorrido tamén en Galicia?
Non. A posición de Ciudadanos hai uns anos era máis forte que a de Vox hoxe e aínda así non logrou representación en Galicia. Vox entrou no Parlamento andaluz por unha ampla desmobilización da esquerda pero non ten representación no Estado, en Europa nin en ningún lado máis. Ademais, nas municipais hai que sachar moito, andar vila a vila, e iso sen estrutura non se pode facer. Vox está ocupando moito os medios de comunicación, pero non ten un referente en Galicia que defenda as súas teses, así que o seu camiño aquí será máis ben curtiño.

E neste panorama no que o bipartidismo tradicional foi substituído por un abano bastante amplo de forzas políticas, que ofrece CxG que non ofrezan as demais?
​Nós somos un partido de ámbito galego, así que non dependemos de ninguén máis para decidir, pero a diferenza do BNG, nós non estamos pola independencia, senón por construír unha Galicia plena dentro dun marco europeo. CxG non entra na incoherencia de estar en contra de Europa, das deputacións e do Estado e, sen embargo, despois ter representación onde se poida, como fai o BNG. Nós ofrecemos un proxecto centrado en Galicia con capacidade para falar cun lado e con outro da barreira política. Non me gusta a definición de transversal, pero si pretendemos facer un partido galeguista forte como é o PNV en Euskadi, un partido con representación en Madrid e Bruxelas e que tire pola súa terra. Marea ten seis deputados e unha senadora que non conseguiron nin un euro de investimento paras as nosas provincias e iso non se lle pode explicar aos galegos.

Comentarios