viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

JUAN MIGUEL CARBALLA

"En catro anos duplicamos a cifra de titulados na FP básica"

Miguel Carballa, no taller de mantemento de vehículos do instituto. DAVID FREIRE
Miguel Carballa, no taller de mantemento de vehículos do instituto. DAVID FREIRE
O IES Montecelo convertiuse nun referente á hora de impartir a FP básica apostando por formar ao profesorado como xestor emocional e aprender a motivar ao alumnado, que chega coa etiqueta de "fracasado" dunha ESO sen rematar. O seu director contouno en Santiago

A formación Profesional básica como un espazo de reflexión para redefinir o itinerario académico-profesional é o título da ponencia na que onte participou o director do IES Montecelo, Miguel Carballa, para trasladar o exemplo de boas prácticas deste instituto pontevedrés, que pode presumir de índices exitosos e mesmo premios. A súa intervención tivo lugar nunhas xornadas de formación para orientadores organizadas pola Consellería de Educación en Compostela.

Como se estrutura a Formación Profesional básica?
Hai dous módulos comúns: Comunicación e Sociedade, que abrangue Galego, Inglés, Lengua Española e Xeografía e Historia; e Ciencias Aplicadas, que inclúe Matemáticas e Ciencias. Despois hai ciclos específicos. No noso caso temos Xardinería, Mantemento de Vehículos, Perruquería e Estética e Artes Gráficas.

O IES Montecelo leva seis cursos impartindo esta opción, que non todos os institutos ofrecen. Cal é a vosa experiencia?
En moitos centros a FP básica non se ve con bos ollos porque o seu é un alumnado que vén da ESO e os centros consideraron por distintos motivos, como dificultades de aprendizaxe, falta de motivación ou interrupción nas clases, que non ía acadar os obxectivos. Cando chegan aquí veñen etiquetados como fracasados, cunha autoestima moi baixa e afeitos a recibir críticas negativas. Aquí sempre plantexamos dous obxectivos: formalos laboralmente e recuperalos para o sistema educativo.

Plantexamento
"Insistimos en cambiar a metodoloxía e buscamos prácticas motivadoras, para que se sentiran útiles"

Como se desenvolve este plantexamento?
Normalmente nos centros o foco ponse nos alumnos, dicindo que son malos. Nós plantexamos que podiamos cambiar no profesorado para darlle unha solución. Outro problema era a provisionalidade do claustro, que obrigaba a repetir a formación cada curso. Conseguimos que interinos seguisen no centro e tamén documentamos a formación para o profesorado novo. Insistimos en cambiar a metodoloxía para que non fracasaran como na ESO, que o profesorado fose un xestor emocional para atender o ritmo dos alumnos. Tamén buscamos prácticas motivadoras, que o alumnado vira o beneficio.

E mesmo gañar premios.
Preséntamonos tres veces aos premios de innovación de FP nos que o noso alumnado de FP básica levou catro galardóns. En Galicia Skills presentáronse nas dúas últimas convocatorias: medalla de prata en 2016 e de ouro en 2018, con representación a nivel español. E tamén estamos participando en proxectos de aprendizaxe e servizos, que o que fan redunde nalgunha organización. Empezaron hai uns anos colaborando cun horto urbano da asociación Xuntos, colaboramos con material para os xardíns do CEE Pontevedra e o ano pasado fixemos outro proxecto con Amencer. Neste caso houbo unha fase de sensibilización, incluindo vivir a discapacidade na súa propia pel e, a partir de aí, deseñaron unha solución. Fixeron unha bici tándem e unha elíptica motorizada para forzar o movemento dunha persoa con parálise. Sentíronse útiles e non só serviu na parte práctica, senón que redactaron todo o proxecto, traballaron cuestións físicas...

Con que idade chega o alumnado da FP básica?
A maioría vén despois de cursar segundo da ESO e cumprir 15, como mínimo, nese ano.

Cifras
"Case a metade continúan cos ciclos medios e algúns mesmo superior; demostraron que o podían conseguir"

Ten un perfil común?
Non. Hai quen está por falta de motivación, por dificultades de aprendizaxe, por algunha discapacidade... O lado positivo é que agora moitos destes alumnos están facendo ciclos medios e nalgún caso, mesmo superior.

Que porcentaxe do estudantado logra rematar a FP básica?
A media de aprobados en FP básica no curso pasado no noso instituto foi do 68%. En primeiro pasou algo menos, un 60%, pero en segundo nun grupo aprobou o 100%, noutro o 88% e no outro un 73%. Os que pasan a segundo case todos se titulan.

É unha evolución positiva?
Hai catro anos andabamos polo 35% de aprobados na Básica e nos seguintes cursos subimos ao 45%, ao 50% e agora estamos no 68%. Melloramos as medias. Puido ser parte de sorte, polo perfil do alumnado, pero penso que tamén influiu a maneira de sistematizar o traballo.

E unha vez superado este nivel, é habitual a que se animen a continuar con ciclos medios?
Case a metade dos titulados si continúan cos ciclos medios e temos dous casos, das primeiras promocións, que agora están facendo algún ciclo superior. De feito, hai algúns casos que non entendemos por que non seguiron coa ESO, porque aquí demostraron o que podían conseguir.

En que incidiu na súa ponencia de onte ante os orientadores?
Na importancia da xestión emocional. É importante motivar a este alumnado, pero tamén hai unha porcentaxe ao que a situación na casa lle condiciona a realidade. Os titores deben coñecer que hai detrás dos alumnos; ter empatía con eles; tratar de coordinarnos entre os docentes, xa que somos grupos pequenos e, se prevemos algún problema é fácil xuntarnos para abordar calquera asunto.

"En catro anos duplicamos a cifra de titulados na FP básica"
Comentarios