martes. 26.01.2021 |
El tiempo
martes. 26.01.2021
El tiempo

Juan Picos: "Temos o reto de ‘dualizar’ a especialidade de Industrias Forestais"

Juan Picos, o pasado venres, na Escola de Forestais. DAVID FREIRE
Juan Picos, o pasado venres, na Escola de Forestais. DAVID FREIRE
Xunto ao equipo que completan Ángeles Cancela e José Manuel Casas, Picos estará á fronte da escola outros tres anos, tras ser reelixido por unanimidade ► Entre os obxectivos previstos figuran cooperar con outros centros do ámbito, que podería desembocar nun máster

Con 23 votos a favor e ningún en contra, o equipo liderado polo profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente Juan Picos e que completan Ángeles Cancela e Juan Manuel Costas vén de ser reelixido para estar á fronte da Escola de Enxeñería Forestal os vindeiros tres anos.

Acaba de ser reelixido director da EE Forestal, ademais por unanimidad. Que significado ten para vostede este respaldo da comunidade universitaria?
Agradecemos este respaldo porque ademais a participación foi moi grande. Interprétoo, primeiro, como un certo aval ao que vimos facendo estes tres últimos anos e tamén cun certo grao de motivación para afrontar o seguinte mandato, sobre todo no medio deste curso tan complicado. É un voto de confianza. Nunca nos faltou nestes anos a axuda de ningún profesor, alumno ou PAS que llo pedimos. Somos un centro pequeno e o equipo directivo é o máis pequeno de todas as facultades e ás veces temos que apoiarnos neles. Ese bo clima é moi importante.

Falaba dun curso complicado. Como se está a desenvolver a docencia en plena pandemia?
Nós apostamos por recuperar a presencialidade, completa. O título que impartimos é eminentemente práctico. Os enxeñeiros son xente que tene que estar formada para resolver problemas e moitas da competencias se adquiren coa práctica. A esta data, salvo algúns confinamentos individuais de persoas por ser contactos estreitos de positivos noutro lugar, está transcurrindo todo con normalidade.

Traballar con grupos pequenos e eminentemente prácticos permítenos manter a presencialidade

Precisamente poden darse o luxo de apostar pola presencialidade grazas a ter alumnado reducido, algo que por outra parte sempre ten á escola no corda frouxa pola escasa matrícula. Cubríronse as prazas este curso?
Eu enfocaríao doutro xeito. Nós sempre definimos a propia escola en grupos pequenos. De feito, aínda que a Xunta obriga a ofertar 45 prazas, temos un horizonte de traballar con dous grupos de prácticas de 15 estudantes en primeiro e con traballar con 30-35 alumnos. Este ano tivemos 37 matriculados en primeiro. É unha cifra ideal, porque os nosos laboratorios teñen 15 postos. Traballar con grupos pequenos, eminentemente prácticos, permítenos estar en condicións de manter a presencialidade coas distancias e as medidas de seguridade. Non é que nos vaia ben por ser poucos. A pandemia deunos a razón, entre comiñas, de apostar por grupos pequenos e a ensinanza cercana. Sempre defendemos esta ratio razonable. Se puideramos ofertariamos 30-35 prazas. O que ten sentido é que o alumnado que sae da nosa escola faino cunha formación bastante completa e unha empregabilidade bastante alta.

Cales son os obxectivos deste novo mandato?
A pandemia estanos obrigando a ir case semana a semana pero imos seguir os obxectivos trazados no plan de viabilidade estratéxico do centro, aprobado en 2016, antes da chegada do noso equipo. Conquerimos todas as certificacións de calidade, incluida a internacional europea, que somos o único centro do campus que ten a acreditación internacional de calidade, temos todos os certificados de calidade do SUG máis da UVigo e agora toca renovar esas acreditacións. O noso obxectivo é competir pola calidade. Tamén comezamos un traballo de cooperación con outros centros do noso ámbito, como o CFEA de Lourizán, a Misión Biolóxica, o Areeiro... Mesmo a Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), que imparte un título equivalente ao noso. Ese traballo que agromamos nestes tres anos teremos que cristalizalo. De feito, tamén estamos cooperando para a implantación dalgún máster e colaboraremos tamén con escolas de Forestais do norte de Portugal. Tamén temos un reto que é a ‘dualización’ dunha das nosas especialidades, a de Industrias Forestais.

A ‘dualización’ axudaría a mellorar a xa alta empregabilidade do noso alumnado

En que consistiría?
Estamos a traballar para desenvolver algunhas das materias en cooperación, incluso in situ, con algunha das empresas. Non é exactamente a formación dual, pero si cun contido máis intenso nas propias fábricas e empresas e non no centro. É outro dos obxectivos sque nos plantexamos.

Forestais ten bastante sinerxía coa industria do sector, non é?
Temos dúas especialidades, a de Explotación Forestal, máis de monte, e a de Industrias Forestais. Temos realidades distintas en cada unha. Por exemplo todo o traballo co CFEA Lourizán, a Misión Biolóxica ou a Deputación ten moito máis que ver coa primeira, e o traballo co CIS-Madeira [Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia], por exemplo, ou coas empresas, coa especialidade de Industrias. Aínda que somos pequenos, temos moita variedade para traballar neso. Polo tanto todo o que acordemos con empresas vai beneficiar máis aos estudantes desta especialidade.

Falaba tamén da alta empregabilidade do centro. ¿Esta ‘dualización’ contribuirá a afianzala?
Claro. O que buscamos é tamén esa continuidade, que ao rematar a carreira poidan empezar con algún tipo de actividade profesional metidos nas empresas. Por iso que algunha materia xa se poida impartir directamente en cooperación coas empresas vai axudar a que, se non quedan nelas, teñan competencias que lles permitirán entrar no mercado laboral aínda mellor. 
 

CONTRIBUCIÓN AO CAMPUS. "A nosa facturación en proxectos de I+D e traballos de transferencia con empresas é moi relevante" 

Que papel xoga a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra a nivel galego ou estatal no sector forestal?
Recoñecemos que somos unha escola pequena en canto ao tamaño pero bastante activa en canto a colaboracións. Considerámonos un átomo facilmente combinable. Somos o suficientemente especializados en distintas áreas como para combinar con distintos axentes. A escola está traballando intensamente no Inventario Forestal de Galicia, en cooperación coa Consellería de Medio Rural e a Universidade de Santiago, colaborando tamén con Medio Rural na nova norma lexislación de incendios forestais e tamén estamos promovendo proxectos europeos ou ata na Amazonía, caso do profesor Adolfo Cordero. Estamos suficientemente recoñecidos. Se nos permiten traballar nestas cousas é que se valora o traballo que facemos na escola. Desde o punto de vista da nosa contribución ao campus non seremos o centro que máis alumnos achegue, pero en canto a facturación en proxectos competitivos de I+D, traballos de transferencias con empresas, pero é moi relevante.

Todo isto á parte do que se ve a simple vista, como as iniciativas do Green Campus.
O proxecto do Green Campus, que lidera a Vicerreitoría, para nós é unha oportunidade e unha satisfacción e, ademais, estamos obrigados a achegar o que sabemos desta temática. Sempre que hai algunha actividade implicámonos en axudar no que podemos. 
 

Juan Picos: "Temos o reto de ‘dualizar’ a especialidade de...
Comentarios