Kiko da Silva doa á investigación contra o cancro os cartos da subasta do cartaz do Entroido 2020

Entrega os 4.922 euros ao proxecto do estudo xenómico do cancro do doutor José Maneul Tubío
Imaxe do cartaz. DP
photo_camera Imaxe do cartaz. DP

O ilustrador e director de O Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada de Pontevedra, Kiko da Silva, vén de doar 4.922 euros froito do traballo realizado para a campaña do Entroido de Pontevedra 2020 e da subasta da ilustración orixinal do cartaz ao grupo de Xenes e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela.

Este equipo, que está encabezado polo doutor José Manuel Castro Tubío, realizou importantes avances ao descubrir que as primeiras mutacións que orixinan o cancro poden xurdir décadas antes de ser localizadas. Este importante descubrimento abre a opción de que se poidan adoptar medidas preventivas se se continúa investigando nesta liña.

O historietista, mestre e editor de Banda Deseñada Kiko da Silva con esta doazón, quere achegar o seu gran de area a axudar a estes investigadores, "que con recursos sempre insuficientes e moito sacrificio persoal axudan a mellorar a nosa calidade de vida, e as veces ata a salvar aos nosos familiares e amigos".

"Decidín doar estos cartos ao proxecto do estudo xenómico do cancro do doutor José Maneul Tubío antes da pandemia, e decidín mantela doazón ao ver que, nestos tempos no que a Covid e as vacinas para acabar coa pandemia está captando toda a atención mediática e científica, estamos a esquencer que seguimos tendo outras enfermidades terribles e cunhas taxas de mortalidade moit altas coma o cancro", subliñou Da Silva.

Comentarios