Kiko da Silva expón o seu traballo no Instituto Cervantes de Munich

O ilustrador mostra preto de medio cento de debuxos da súa novela gráfica inédita 'Bajo la sombra de las piedras flotantes', dentro da programación do Festival de Cómic da cidade alemá

Bajo la sombra-Kiko da Silva
photo_camera Unha das ilustracións de 'Bajo la sombra de las piedras flotantes' que Kiko da Silva exporá en Munich

Preto de medio cento de debuxos da novela gráfica inédita Bajo la sombra de las piedras flotantes forman parte da exposición que Kiko da Silva terá no Instituto Cervantes de Munich (Alemaña) entre o 14 de xuño e o 19 de xullo. A mostra, que tamén inclúe traballos do autor para outros cómics como Fiz, El infierno del dibujante e o tamén inédito Castelao, alma galega, está incluída na programación do Festival de Cómic de Munich. 

"Á xente do festival chamoulle a atención que un dos espazos que aparece en Bajo la sombra de las piedras flotantes sexa o complexo megalítico de Extersteine, así que me convidaron a facer unha exposición e a visitar ese espazo tan particular, que me fai moita ilusión", explica Da Silva.

O autor afincado en Pontevedra, director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, será o encargo de inaugurar a exposición cunha conferencia que ofrecerá o 14 de xuño, ás 19.30 horas. Xunto a el estará o comisario da súa mostra, Rainer Schneider, que ademais exerce de director artístico da proposta xunto a Heiner Lünstedt. 
 

"Isto demostra a importancia que ten para Galicia un festival internacionalcomo Viñetas dende o Atlántico. Foi aí onde Rainer Schneider viu o meu traballo e decidíu levalo a Alemaña"


Foi no festival coruñés Viñetas dende o Atlántico que Schneider viu por primeira vez o traballo de Da Silva e foi aí cando decidiu levalo a Munich. Así o contaba o propio creador nas súas redes sociais cando coñeceu que iría ao festival alemán. "Ao meu amigo Rainer Schneider, que vén todos os anos a Viñetas desde o Atlántico, gustoulle a miña exposición do ano pasado e convidoume a facer unha expo en Munich», indicaba. "Isto demostra a importancia de que teñamos un festival internacional en Galicia coa categoría de Viñetas desde o Atlántico. Cousas así só suceden se hai apoio institucional para a promoción da cultura autóctona».

SCHRÖDINGER.Bajo la sombra de las piedras flotantes é o proxecto máis ambicioso que ten encarado Kiko da Silva ata o momento. Novela gráfica na que vén traballando dende hai anos, non está previsto que saia á rúa ata despois de 2019. Mentres tanto, vai desenvolvendo outros proxectos. O máis recente é A viñeta de Schrödinger, unha nova revista de banda deseñada en lingua galega, que lanzará o seu primeiro número en xullo. Promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, Da Silva será o seu director. Segundo explicou durante a presentación da publicación, o pasado 24 de maio, a revista supón unha aposta por historietas curtas e autoconclusivas en 32 páxinas elaboradas por 16 colaboradores. A publicación, de carácter trimetral, terá un prezo de cinco euros e a súa primeira tirada será de 1.500 exemplares.

Ademais, cara a celebración do Culturgal, a finais de ano, o debuxante ten previsto presentar Castelao, alma galega, un volume no que adaptará á banda deseñada catro relatos incluídos en Retrincos e Cousas.
 

Comentarios