martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Laboratorio artístico no Galpón

Eva Fandiño (de pé), esta semana, nun obradoiro de cerámica. RAFA FARIÑA
Eva Fandiño (de pé), esta semana, nun obradoiro de cerámica. RAFA FARIÑA
Na rúa Loureiro Crespo pola que parece a entrada a un garaxe accédese, tras cruzar un corredor, a un espazo verde, no que se conserva un hórreo. Alí están as instalacións do Galpón Lab, un proxecto que ten como obxectivo "promover a creación artística e o intercambio cultural".

Xusto unha semana antes de que se decretara o confinamento en 2020 a causa da pandemia nacía en Pontevedra O Galpón Lab, un proxecto de promoción artística e intercambio cultural que tiña detrás á ilustradora Eva Fandiño –Pontevedra, 1995–. Licenciada en Belas Artes, Fandiño, contando con outras dúas persoas como socias –unha delas é Iria Rodríguez, da axencia de publicidade Nube de Ockham–, creaba unha asociación que pretendía converterse nun punto de encontro cultural na cidade.

"O noso obxectivo principal segue a ser ofrecer apoio a artistas emerxentes", di a ilustradora este sábado, ano e medio despois daquel bautismo de fogo, cando teñen en marcha unha programación estable de obradoiros –bordado, cerámica, pintura, etc.– e actividades –mentorías de marketing, exposicións, etc.–, e xa traballaron, por exemplo, no Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Agora mesmo preparan o que será a súa participación no próximo Pont-Up Store, a feira de emprendedores do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, que incorpora na próxima edición unha nova categoría para recoñecer o traballo de empresas xurdidas no contexto da covid-19. O Galpón Lab foi seleccionado xunto a outras sete empresas e iniciativas de diferentes sectores.

"As persoas que puxemos en marcha o proxecto xa tiñamos experiencia coas nosas propias marcas profesionais e sabiamos que era un camiño cheo de dúbidas", conta Eva Fandiño. "Botabamos en falta precisamente isto no que intentamos converter O Galpón Lab, un punto de encontro.

Chamábanos a atención que non houbese nada parecido en Pontevedra, unha cidade cunha facultade de Belas Artes e cun Museo como o que ten. Non había ningún espazo no que poder compartir experiencias e se ofrecese ese apoio, ese acompañamento".

ON-LINE. A primeira actividade que organizou O Galpón Lab foi unha exposición de nove mulleres creadoras na Casa da Luz. "Era unha exposición que funcionou moi ben", segue contando a fundadora do proxecto. "Pero chegou o confinamento e iso freounos". Houbo que buscar unha alternativa e as responsables da asociación atopárona no formato on-line.

Integrámonos moi ben no barrio, di Eva Fandiño. Xente maior entra a dicirnos que aquí había unha antiga escola. É moi bonito

"Retomamos os nosos plans a través das redes e comezamos a organizar obradoiros en liña e directos no noso Instagram. Naquel momento houbo un pequeno boom neste sentido. Todo o mundo se lanzou a facer iso. Nós tamén", lembra. "Fixémoslle entrevistas a creadores de distintos ámbitos: a Kiko da Silva, a Bea Gregores ou a Jordi López Berga, de Aí falaches!. Toda aquela experiencia foi moi positiva. Axudounos a medrar moito en redes".

Superado o confinamento, O Galpón Lab buscou un espazo físico no que traballar. Converteu na súa sede un local da rúa Loureiro Crespo, ao que se accede a través do que parece a porta dun garaxe. Ao fondo dun corredor hai un espazo verde, no que se conserva un hórreo. "Fixemos unha pequena reforma e adaptámonos ás medidas covid. Integrámonos moi ben no barrio, fomos moi ben acollidos. Moita xente maior entra e cóntanos que aquí había unha antiga escola. É moi bonito que agora esteamos nós", sinala Eva Fandiño. "Tamén é moi bonito o que conseguimos no club de costura, no que intercambiamos experiencias e coñecementos. Converteuse nun proxecto interxeracional de aprendizaxe colectiva". O obxectivo está cumprido.

Laboratorio artístico no Galpón
Comentarios
ç