Lapamán xa ten a cuarta bandeira azul do municipio

En Area de Bon, Portomaior e Lagos xa ondea dende o sábado
Un momento da cerimonia de izado. C.B.
photo_camera Un momento da cerimonia de izado. C.B.

BUEU. Bueu xa ten a súa cuarta bandeira azul. Onte ó mediodía Lapamán sumouse a Area de Bon, Portomaior e Lagos, praias que xa contaban co maior distintivo de calidade que se pode ostentar. Os outros areais xa izaran a bandeira o sábado. Lapamán tivo que esperar, xa que aínda estaba pendente a contratación dos socorristas.

A bandeira foi izada polo alcalde, Félix Juncal, e a concelleira de Economía e Turismo, Silvia Carballo. Tamén asistiron á cerimonia os socorristas asignados ó areal. Lapamán, ó igual que Portomaior, Area de Bon e Lagos, contará ata mediados de setembero con tódolos servizos básicos, dende baños ata equipo de socorrismo propio. As praias xa están listas para recibir ós seus visitantes ó longo de toda a temporada alta, en verán.

O Morrazo suma así un total de 18 bandeiras azuis: as catro de Bueu, outras catro en Marín e dez en Cangas. Moaña é o único municipio da comarca que non conta con ningún galardón deste tipo. Ademais destes areais, Bueu tamén conta con outros espazos naturais con distintivos de calidade. Udra ten un Sendeiro Azul e a súa Aula da Natureza é tamén un Centro Azul.

As cerimonias de izado de bandeiras non se produciran ata agora pola ausencia de socorristas. Este atraso foi duramente criticado polas forzas da oposición, que consideran que era necesaria a súa presenza durante o mes de xuño. Máis tarde ou máis cedo, de agora en diante tanto veciños como turistas poden gozar destas catro bandeiras azuis.

Comentarios