Lavado de cara a un pavillón de vivendas para militares da rúa Rosalía de Castro

O Concello outorga licenza para a rehabilitación das casas, así como para a construción dun novo edificio con 16 pisos na Avenida da Coruña
Pavillón de vivendas que se rehabilitarán en Rosalía de Castro. RAFA FARIÑA
photo_camera Pavillón de vivendas que se rehabilitarán en Rosalía de Castro. RAFA FARIÑA

O Concello de Pontevedra aprobou este luns na súa Xunta de Goberno a licenza para a rehabilitación dun pavillón de vivendas militares na rúa de Rosalía de Castro. Deste xeito, o Ministerio de Defensa, a través do Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa (Invied) levará a cabo obras de rehabilitación e de desdobramento das casas situadas a continuación da rotonda entre a Avenida de María Vitoria Moreno e a propia rúa Rosalía de Castro, en dirección ao barrio de Mollavao.

Dito pavillón conta na actualidade con catro vivendas deshabitadas que serán convertidas en oito. "Trátase de vivendas de dúas plantas que pasarán a ser divididas para facer pisos independentes en cada un dos andares", explicaba este luns a voceira do Goberno local, Anabel Gulías. A superficie total na que se executarán as obras é de 1.027 metros cadrados, con 701 metros cadrados utis.

A intervención nos inmobles, que se atopan en condicións que non permiten a súa habitabilidade, terá un orzamento de 1.002.823 euros e un prazo de execución de sete meses. "É un orzamento tan alto porque implica unha renovación total dos servizos", explicaba Gulías.

A portavoz do Goberno asegurou que a rehabilitación deste edificio "supón unha moi boa nova para a zona e unha moi boa nova para a cidade", no sentido de que "este tipo de licenzas vai contribuír a que esta zona estea máis coidada, máis vivida, e que teña un dinamismo propio da cidade". Gulías lembrou que o Concello de Pontevedra e o Invied están tramitando o convenio urbanístico, actualmente en fase de exposición pública, que permitirá darlle un novo uso a toda a área de vivendas militares comprendida entre a avenida María Victoria Moreno e as rúas da Tablada, Manuel del Palacio e Xeneral Rubín.

Precisamente a comunicación prevista entre Manuel del Palacio e Rosalía de Castro quedaría situada fronte ao pavillón que se vai rehabilitar.

Parcela onde se construirá un novo edificio na Avenida da Coruña. R.F.
Parcela onde se construirá un novo edificio na Avenida da Coruña. RAFA FARIÑA
 

Por outra parte, A Xunta de Goberno outorgou licenza parta a construción dun novo edificio de vivendas na Avenida da Coruña (número 23), con saída tamén á rúa da Santiña. O novo inmoble, situado onde ata agora había un edificio en estado ruinoso, contará con 16 vivendas.

Segundo sinalou Gulías, a zona do Burgo, onde se insire este proxecto, ten un papel "moi importante neste mandato" por canto se están realizando actuacións municipais de cara a mellorar os seus estándares de calidade urbana. Así, mencionou as recén rematadas obras de urbanización e reacondicionamento da circulación na avenida da Coruña e do proxecto de reforma da rúa da Santiña que está a piques de facerse público.

Sobre este último, avanzou que xa está rematado e enviado a Patrimonio e que en canto conte cos informes e permisos correspondentes se abrirá o procedemento de contratación.

Comentarios