Leborei terá sinalización para restrinxir o tráfico e evitar os vehículos pesados

O Concello explica que esa medida é "un parche a un problema evidente" e engade que a solución final a está "na variante de Alba"
Alberto Oubiña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alberto Oubiña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os veciños de Leborei terán resposta ás súas peticións mañá luns, 4 de xullo, cando, segundo explica o Concello, será instalada a sinalización acordada coa veciñanza do citado lugar de Cerponzóns, co fin de restrinxir o tráfico rodado na zona, quedando en exclusiva para residentes e servizos. Estas limitacións, amais da aprobación veciñal, contan co visto bo das diferentes administracións, como pode ser o Estado, a Axencia Galega de Xestión de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Tráfico.

"Con esta finalización agardemos que a situación no lugar mellore, se ben non é competencia do Concello a vixilancia como tal e o control na zona. É un parche a un problema evidente, con camións atascados e cun tráfico de paso demasiado extensivo, algo que lles causa problemas aos habitantes de Liborei", explica o coordinador do Rural, Alberto Oubiña.

O edil fai fincapé en que esta non é a solución definitiva para a problemática denunciada por veciñanza e Concello. "Desde o Concello seguimos e seguiremos reclamándolle á Xunta a construción da variante de Alba, pois esa actuación será a que de verdade veña a solucionar os problemas de conexión entre a estrada de Santiago e a estrada de Vilagarcía. A veciñanza e as institucións presentes nas xuntanzas que fomos tendo pareceunos que esta alternativa é a solución verdadeira para conectar estes dous puntos e evitar os tráficos de paso como é o caso".