As leccións dos fillos do panadeiro

Os pequenos de Carlos Ferreiroa, da panadería Entremigas de Pontevedra, comparten durante a Semana Santa unha serie de titoriais nas redes sociais nos que ensinan a facer pan
2020040713224024879
photo_camera Os irmáns Xes (7 anos), Vera (3) e Sofía (10). INSTAGRAM

"Hola de nuevo, chicos. Ayer hicimos una masa madre y la dejamos fermentar toda la noche en la nevera. Hoy la sacamos una hora antes de seguir preparando la masa". A que fala é Sofía Ferreiroa, de 10 anos. Ao seu carón están os seus irmáns Xes, de 7, e Vera, de 3. Os tres son fillos do panadeiro pontevedrés Carlos Ferreiroa (Entremigas) e os tres, coa axuda da súa nai, Érika, están compartindo unha serie de titoriais na rede social Instagram (@entremigaspontevedra) a través dos que ensinan a facer pan. "A nosa intención é seguir publicando vídeos ao longo de toda a Semana Santa", conta o panadeiro.

Generated by  IJG JPEG LibraryOs seus fillos son os protagonistas desta experiencia porque, segundo di Ferreiroa, "do que se trataba era de facerlles unha proposta aos nenos, por iso nos pareceu que era moito mellor que o fixeran eles, que fose algo de nenos para nenos, que se puidesen falar de ti a ti". Aínda que o peso da proposta quen o leva é Sofía, a irmá maior. "Porque ela xa controla moi ben como se fan as cousas. Non necesita practicamente de ningún adulto. Pero os outros dous tamén axudan. A cousa é que todos participen".

Os primeiros vídeos que se subiron á rede serven para aprender a facer fermento natural. "Claro, masa nai", conta o panadeiro pontevedrés. "A graza está en aprender a facer pan de cero. Sen usar ningún tipo de levadura química, que sexa un proceso totalmente natural".

O proxecto comezou cos cativos elaborando fermento natural e rematará con eles mesmos convidando a facer pizzas e empanadiñas

A medida que vaian pasando os días da Semana Santa, a intención de Entremigas é ir compartindo diferentes vídeos nos que os nenos pasarán de facer masa nai a elaborar barras ou boliños. "E máis cousas. Cara a fin de semana gustaríanos ampliar a proposta a pizzas e empanadiñas, que cremos que é algo que lles vai chamar moito a atención aos pequenos. Son cousas que adoitan a gustarlles e así verán que non son difíciles, que eles mesmos as poden facer".

Generated by  IJG JPEG LibraryPREMIO. O obxectivo de Carlos Ferreiroa é que a cativada se anime na casa a probar a facer pan. "Así que, despois, entre todos os que nos fagan chegar as fotos dos seus bolos elixiremos o mellor e entregarémoslle como premio unha rosca a modo de agasallo".

O panadeiro está a difundir a súa iniciativa coa colaboración do espazo Comprar en Pontevedra (que comparte os vídeos tanto na súa canle do espazo web YouTube como na súa páxina da rede social Facebook), ao colexio Álvarez Limeses "e a distintas empresas, colectivos e grupos de WhatsApp, que se fixeron eco da proposta".

Segundo conta, a el faríalle feliz saber que esta corentena serviu para que moitos nenos aproveitasen para aprender a facer pan na casa. "Penso, de verdade, que é unha ocasión case perfecta. Entre outras cousas, porque a única ciencia que ten o pan é a paciencia, que é precisamente o que necesitamos agora mesmo: moita paciencia. Facer pan leva o seu tempo. Hai que ir pasiño a pasiño. Agora tamén, o do coronavirus non se vai solucionar dun día para outro. Vai pouco a pouco. Quizais son leccións que despois lle vallan para a vida".