"Hoxe o meu corazón gañouno esa alumna de 1° da ESO que me dixo: Lin Escarlatina cando era pequena e grazas a ese libro xa non parei de ler nunca. Foi o primeiro que me gustou de verdade". Así, emocionada e feliz, contouno Ledicia Costas na súa conta de Twitter despois do encontro mantido este martes no IES Sánchez Cantón de Pontevedra con alumnado de Secundaria, no que confesou que "lle entreguei a miña vida á literatura". Foi unha das seis charlas que impartiu en centros educativos entre luns e martes, agora ten na axenda dúas viaxes a Barcelona e México, unha gala e unha presentación. E, entretanto, trata de avanzar na súa próxima novela.
A deste martes en Pontevedra foi unha actividade organizada pola Biblioteca Charo Sánchez-Gabriel, co profesor Fernando Tomé á fronte e o alumno Nicolás Tomé como presentador, coa colaboración dos departamentos de Lengua Castellana e Lingua Galega, pois centrábase, en principio, en dúas lecturas propostas na clase: Jules Verne y la vida secreta de las mujeres planta e Unha estrela no vento.

Caras de admiración encheron o Paraninfo para compartir unha hora coa multipremiada escritora, que ten traducidos non só ao castelán, senón a varias linguas de todo o planeta, boa parte dos máis de 20 libros escritos. Ata se achegaron ao instituto os alumnos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) vencellados ao centro, o que daba unha idea da expectación. "O certo é que estas lecturas teñen moita aceptación", admite unha das docentes.
Hoxe o meu corazón gañouno esa alumna de 1° da ESO que me dixo: "Lin Escarlatina cando era pequena e grazas a ese libro xa non parei de ler nunca. Foi o primeiro que me gustou de verdade". E eu así❤️😍🥰🥺😮
— Ledicia Costas (@LediciaCostas) November 15, 2022
Tras unha detallada presentación, Costas confesouse "emocionada e nerviosa porque me facedes sentir importante" e contou que sempre quixo ser escritora, pero "é unha carreira que non existe e tes que facela ti, escribindo e lendo moito". As "mates" dábanselle "mal" e ademais, como todo o mundo sabe, acabou deixando o dereito pola literatura. "Agora son bastante máis feliz que como avogada".
"Gústanme moito os videoxogos e o que están desenvolvendo sobre 'Infamia' cáusame moitísima curiosidade", sinalou
A preguntas da rapazada, contou que, neste sentido, sempre sentiu todo o apoio da súa familia. "Con 13 ou 14 anos pasaba moito tempo pechada na habitación, escribindo historias" e os seus pais pensaron "que xa se me pasaría", pero cando tomou a decisión trascendental despois de ter optado pola Universidade e por vestir a toga, "dixéronme que lles estrañara que non o tivese deixado antes". Porque, de feito, a súa primeira novela escribíraa con 16 anos. "Ese libro —en alusión a Unha estrela no vento (Xerais, 2000)— naceu dun suspenso", contou. Daquela lía "tres ou catro libros á semana", pero xusto as lecturas obrigatorias do instituto "non me gustaban demasiado", pasou por alto o prólogo dunha delas e levou un cero nun exame. "Saín tan desgustada que escribín a novela. Aínda teño pesadelos recorrentes de que non rematei o instituto por aquel suspenso".
Infamia inspira un videoxogo
Contou tamén do seu recente paso por Berlín (invitada polo Instituto Cervantes), por Italia, Arxentina ou Perú, onde coincidiu con escritores que admira, e da súa próxima viaxe á Feria del Libro de Guadalajara (México); e falou da ilusión que lle fai que estudantes universitarios estean desenvolvendo un videoxogo, Merlo, inspirando na súa novela Infamia. "Alucino! A min, que me gustan moitísimo os videoxogos". Confesou que lle causa "moitísima curiosidade", pois "igual A balada dos unicornios se podería prestar máis". Así que espera poder probalo e, dixo, "no futuro gustaríame que me contratasen para escribir a trama dun videoxogo".
Á pregunta de que lle achega a literatura, a viguesa respondeu que lle entregou "a miña vida", pois "convertín o que máis me gusta facer no meu xeito de vida, na miña profesión". Así, vive "momentos fantásticos" e outros non tanto, pero "dáme moito máis do que me quita".

Disciplina e... sen datos no móbil
A súa rutina básica para escribir é "a disciplina" e "pasar moitas horas diante do ordenador", pero ten unha materia pendente: "desconectar os datos do móbil, que me distrae moito". Á hora de crear unha historia ten "algunhas ideas", pero "é raro que saiba como remata un libro; son unha tipa desordenada". A propósito disto, chamáronlle á atención sobre os "finais tráxicos" dalgunhas das súas obras, como Unha estrela no vento ("daquela, adolescente, era moi propensa ao drama") ou O corazón de Xúpiter (Xerais, 2012). "Esta é unha novela realista, tiña que ter un final crible. Non me gustan os finais tipo Disney".
Costas contou outras curiosidades como o primeiro libro que a impactou (El pequeño vampiro, da alemana Angela Sommer-Bodenburg), o personaxe de ficción que quixera coñecer (L, o detective do manga Death note) ou a súa favorita propia, Escarlatina, protagonista dunha historia de "pantasmas e comida". "Unha das mellores ideas que tiven foi incluír recetas de cousas ricas, despois convidábanme a merendar nos coles".
"Unha das mellores ideas foi meter recetas de cousas ricas no libro de Escarlatina; despois convidábanme a merendar nos coles", celebra
Tamén lembrou o paso de Julio Verne por Vigo, e de aí o protagonismo na súa novela, e a súa paixón polas plantas. De feito, entre os variados agasallos que lle entregaron antes de finalizar o encontro, en agradecemento "polo que significou para nós o seu mundo de ficción", estaba unha, bautizada como Muller Planta IES Sánchez Cantón. Tamén lle regalaron un libro elaborado polo alumnado de Pintura, baseado nas súas mulleres planta, e un precioso volume de Contos marabillosos como o que ela lía de pequena ata que lle acabaron caendo as follas.