Leiro volve a Pontevedra

Aser Álvarez proxecta este xoves, na Illa das Escultura, o seu documental sobre o creador cambadés, con música en directo de Lucía Martínez

Foto de Francisco Leiro empregada no cartel do documental. DP
photo_camera Foto de Francisco Leiro empregada no cartel do documental. DP

PONTEVEDRA. A uns poucos metros da que é a obra que Francisco Leiro realizou para o parque da Illa das Esculturas de Pontevedra, "Saavedra. Zona de descanso", proxectarase mañá (22.00 horas, entrada libre) o documental Sísifo confuso, un traballo audiovisual sobre o creador de Cambados dirixido por Aser Álvarez e que aínda non se puidera ver na capital da provincia. Exhibirase finalmente nun formato especial, ao aire libre, e cunha performance musical en directo de Lucía Martínez, responsable da banda sonora.

«O que eu fixen para a película foi un banco sonoro de Leiro», conta a compositora. «Traballei co son das súas ferramentas, coa súa voz... e a todo iso incorporeille despois outros elementos».

Lucía Martínez (Vigo, 1982), intérprete musical e compositora de cinema amiga da experimentación sonora, formada en Portugal e Alemaña, atopouse con Aser Álvarez en Berlín, a cidade na que está afincada, cando este foi presentar alí un documental anterior adicado a Celso Emilio Ferreiro. «Ao acabar a proxección fun falar con el e aí nos descubrimos».

LUCÍA MARTÍNEZ Compositora

«En canto fun ao seu taller sóubeno; tiña que facer a banda sonora directamente con el. Fixen un banco sonoro de Leiro»

Dende que o realizador lle propuxo ocuparse da banda sonora de "Sísifo confuso", di que tivo claro que non quería facer algo convencional. «Non me cadraba cun artista contemporáneo desta magnitude unha banda sonora con orquestra. O que máis me apetecía era provocar. Unha maneira de facelo era usar a súa propia obra. En canto fun ao seu taller sóubeno: tiña que facer a banda sonora directamente con el».

A proxección do documental de Aser Álvarez en Pontevedra está enmarcado nunha proposta da Deputación Provincial para axudar a difundir este traballo, que pasou por distintos festivais e que en setembro se poderá ver noutro, o Hay Festival de Segovia. O ciclo da Deputación levouno a semana pasada a Cambados, mañá traerao a Pontevedra e, finalmente, o 19 de xullo, á Praza da Estrela de Vigo.

Comentarios