As lendas serán a temática da vindeira edición da Feira Franca

O Concello de Pontevedra anunciou a apertura da oficina que canaliza as peticións desde este venres ata o 16 de xullo

Desfile na Feira Franca de 2017. ADP
photo_camera Desfile na Feira Franca de 2017. ADP

A vindeira edición da Feira Franca, que se celebrará os días 31 de agosto e 1 de setembro, estará dedicada ás lendas, segundo decidiu o Consello Aberto, formado por asociacións que entidades do municipio.

Así o anunciou o Concello de Pontevedra nun comunicado este xoves, no que tamén avisaba da inminente apertura da Oficina da Feira Franca, que como vén sendo habitual canalizará todas as peticións da hostalería para montar nas dúas xornadas da festa, dos particulares que queiran poñer mesa para celebrar ceas e xantares, e tamén dos artesáns que desexen participar no mercado medieval.

A oficina abrirá este mesmo venres e permanecerá a disposición da cidadanía ata o 16 de xullo na súa situación habitual, no edificio municipal da rúa Afonso XIII. O horario será de 9.00 a 14.00 horas.

O Consello Aberto valorou "o éxito" da anterior Feira, "especialmente no tocante ás actuacións e eventos organizados como o torneo medieval que se celebra na Praza de Touros" e que todas as entidades acordaron manter de cara á vindeira edición.

Comentarios