"Levaba semanas visitando a web para comprobar se gañara este premio"

Dous mozos do IES Valle Inclán, outro do IES A Xunqueira II e outra do IES Torrente Ballester obteñen os recoñecementos extraordinarios de Bacharelato tras realizaren un exame o pasado mes de xuño

Sasha, como lo conocen sus profesores y compañeros, en el laboratorio de su instituto. GONZALO GARCÍA - Alumno del IES A Xunqueira, bronce en la Olimpiada de Matemáticas
photo_camera Alexander Vidal Zhukova. GONZALO GARCÍA

Ana María Beloso Calvar: "Gústame a literatura e escriir poesía e quero adicarme ao ensino"

Ana María Beloso Calvar. DP O día da proba para optar ao Premio Extraordinario de Bacharelato, Ana María Beloso Calvar non estaba moi convencida de que o exame lle fose saír moi ben. "Estiven a punto de non presentarme e, de feito, non me esperaba gañar o premio", explicaba este xoves. Facíao dende Santiago de Compostela, a cidade na que vive dende que iniciou os seus estudos universitarios en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela hai apenas unhas semanas.

"Quero adicarme ao ensino, fixen o Bacharelato de Humanidades e sempre me gustou moito a literatura, de feito escribo poesía", conta a moza pontevedresa.

O PREMIO. En canto aos mil euros que recibirá como premio, a pontevedresa, que estudou o Bacharelato no IES Torrente Ballester da cidade, ten previsto investilos nalgún que outro capricho que lle quede como recordo. "Comprarei algo de roupa, farei algunha viaxe e tamén quero facer unha tatuaxe", contou a Diario de Pontevedra pouco despois de saber do premio por unha amiga que a avisou.

Durante a súa etapa como estudante de Secundaria atopou "luces e sombras" no sistema educativo. "Dei con profesores que amosaban vocación polo ensino e notábaselles paixón por ensinar a súa materia", conta. Por outra parte, a moza tamén lamenta que haxa mestres que non amosan o mesmo entusiasmo nas aulas e que non teñen vocación.

Deste xeito, a moza agradece o traballo de todos os profesionais do ensino que, ademais de aprenderlles aos seus alumnos Grego, Historia ou Gramática, "me fixeron ser mellor como persoa e me animaron a seguir adiante". Se cadra por iso quere adicarse á educación nun futuro. "Xa desde que era pequena quixen ser profesora", aclara a rapaza.

Carlos Ben Arribí: "O meu mestre de Matemáticas de 1º de ESO ofreceume unha nova visión desta materia"

Carlos Ben Arribí. DPTras o seu paso polo Bacharelato, unha etapa na que recoñece que se esforzou bastante, inicia a carreira de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela con moitas ganas despois de ser recoñecido como un dos gañadores do Premio Extraordinario de Bacharelato. "Este era un recoñecemento que non esperaba e sempre é unha ledicia telo", explica o mozo. Aínda non sabe que vai facer cos mil euros do premio, aínda que é probable que os aforre.

"Dende pequeno chamoume o mundo da docencia, sempre souben que quería ser profesor, pero non sabía de que", explica. Segundo foi avanzando os estudos de ESO, cada vez sentiuse máis atraído polas ciencias, especialmente pola materia de matemáticas, e por iso decidiu estudar esta carreira. "No meu intituto tiven moi bos profesores desta materia e motiváronme moito", conta. Neste sentido, Ben destaca o traballo de Ignacio Touza,  que foi un dos que máis o marcou. "Deume clase no primeiro curso de ESO e serviume para ter unha visión das matemáticas completamente distinta", conta Carlos Ben.

A etapa dos estudos de Primaria e Secundaria foi satisfactoria para o pontevedrés, que fixo o Bacharelato no IES Valle Inclán, onde o recordan como un estudante brillante. Porén, tamén detecta eivas no sistema educativo. "Non sabería dicir un problema concreto, pero sempre hai cousas que se poden mellorar. Por exemplo, a forma na que se presentan as materias. O feito de que haxa un temario regrado e pechado limita as posibilidades de aprendizaxe e fai que non se poida aprofundar en certos aspectos por dar todo o temario marcado", explica, aínda que aclara que sempre recibiu educación de calidade. "É algo difícil, pero sería preciso impoñer máis disciplina nas aulas para facilitar o avance na materia", engade. 

Lara San Martín Suárez: "Optei polas ciencias pero custoume decidirme porque tamén me gustan as artes"

Lara San Martín Suárez. DPRealizou os seus estudos de Secundaria no IES Valle Inclán e do seu paso polo centro recorda as clases do mestre de Matemáticas de 1º de ESO, Ignacio Touza. "Ata entón non sabía moi ben por que rama decantarme, porque toco o piano e, ademais das Matemáticas, tamén me gusta a rama das artes", explica a moza pontevedresa, que iniciou este curso o dobre Grao en Matemáticas e Enxeñería Física.

Á moza gústalle razoar e chegar ao coñecemento por ela mesma. Por iso, a súa crítica ao sistema educativo é que as materias se imparten de forma mecánica. "Prefiro chegar eu mesma ás conclusións, non que me digan como se resolven os problemas, aínda que con tantas materias recoñezo que é difícil levar este sistema en todas", conta a moza.

Cos mil euros que acadou como premio ten previsto comprar unha tableta que precisa para a Universidade

Alexander Vidal Zhukova: "Levaba semanas visitando a web para comprobar se gañara este premio"

 "Xa sabía que ía ser un dos premiados porque hai semanas que entrei para ver as notas e calculei que estaba entre os primeiros", explica o mozo pontevedrés, que realizou o Bacharelato no IES A Xunqueira II.

Na actualidade está cursando os estudos de Enxeñería Informática na Universidade de Compostela, aínda que a súa primeira opción era realizar un dobre grao, ben en Enxeñería de Datos e Matemáticas ou en Enxeñería Informática e Matemáticas nunha universidade catalá. "Non tiven a media necesaria e por iso quedei en Santiago", explica.

Quere adicarse ao mundo da investigación e xa de pequeno era un apaixonado da informática. "Participei na olimpiada informatica española a nivel de Secundaria", conta o mozo pontevedrés. 

Comentarios