As librerías de Pontevedra celebran o 23 de abril a cuberto

Sinaturas de libros, encontros con autores, agasallos, degustacións e descontos en trece establecementos animarán o Día Internacional do Libro na capital da provincia

Escaparate dunha librería de Pontevedra decorado polo Día do Libro. DAVID FREIRE
photo_camera Escaparate dunha librería de Pontevedra decorado polo Día do Libro. DAVID FREIRE

Trece librerías de Pontevedra festexarán xuntas o 23 de abril con actividades, que van de sinaturas de libros a descontos e agasallos para os lectores, no que será unha celebración do Día Internacional do Libro amparada polo Concello e que terá lugar nos propios establecementos. 

Representantes das librerías Seijas, El Pueblo, Espazo Lector Nobel e Aviones de Papel acompañaron este xoves á concelleira de Cultura, Carme Fouces, na presentación desta programación que se desenvolverá todo o día. Todos lle manifestaron o seu agradecemento ao Concello por poñer en marcha iniciativas de apoio ao sector "en tempos de compras on-line".

Así, Aviones de Papel acollerá unha sinatura de libros de Adrián Morgade (18.00 horas). O mesmo autor estará despois (19.00) en La Nube de Papel. Cao instalará mesas na rúa e sorteará un lote de libros mentres Clip agasallará con marcapáxinas aos visitantes. Cronopios entregará unha flor aos seus clientes e acollerá un recital da mestra e escritora Carmen Quinteiro (19.30 horas).


Isabel Mociño, Carmen Ferreira, Carlos Negro, Rocío Kuri e Cris de Caldas foron algúns dos participantes na primeira xornada do I Congreso Internacional de Mediación Lectora Mulleres de conto, que se celebra dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. As distintas conferencias e actividades continuarán, co Pazo da Cultura como sede central, este venres e sábado. OLGA FERNÁNDEZ

VERMÚ. D-Lectum invitará ao mediodía (13.00) a un vermú e a un viño godello e El Pueblo e Nobel farán agasallos aos lectores: dunha billeteira os primeiros e dun taquiño de notas para os cativos os segundos. Escolma acollerá a presentación do libro Artículos de Diario, de Rosanna López Salgueiro (20.00), mentres Metáfora e Patakafrita festexarán a data con regalos para os que pasen polas librerías. Na segunda haberá ademais unha sesión de contacontos (17.30).

Finalmente, a librería Seijas acollerá un encontro con Chema Heras (coa hora por determinar) e Paz programou conversas entre escritores e xornalistas abertas ao público, ao longo de todo o día. 

Os libros volverán á rúa en xuño

Tanto Fouces como os libreiros aproveitaron a presentación das actividades do Día do Libro para dicir que estaban satisfeitos coa colaboración que os levou a montar, en 2017, unha festa na rúa pola súa conta (allea á Federación de Libreiros de Galicia). Repetirán en xuño.

"Unha asociación local sería moi interesante". Da mesma maneira, os libreiros, que non contan cunha agrupación propia dende 2009, aseguraron que sería "moi interesante" montar unha asociación local, aínda que, polo momento, prefiren que o Concello lidere as iniciativas que lles atinxen.