AUTORA DE 'AS CICATRICES DO CARANGUEXO'

Irene Alonso: "Este libro foi a miña recompensa, aquí queda reflectido que sobrevivimos"

Do cancro do seu marido e a súa viaxe para superar un tumor de mama, Irene Alonso sacou un libro. ‘As cicatrices do caranguexo’ é o conto que escribiu para explicarlles aos seus fillos a "aventura" pola que pasaron seus pais, dous piratas que naufragaban e loitaban por saír a frote. Edítao Xerais na colección Merlín e xa está nas librarías
Irene Alonso, na Ponte do Burgo. JAVIER CERVERA
photo_camera Irene Alonso, na Ponte do Burgo. JAVIER CERVERA

Profesora de inglés con vocación de escritora, Irene Alonso presenta este mércores a obra e asinará exemplares na librería El Pueblo, a partir das 17.30 horas.

Como xurdiu a idea do libro e como se puxo a escribilo?
Este libro xorde dun cancro de mama. Eu quixen buscar a forma de transmitirlle aos meus fillos unha enfermidade que irrompera nas nosas vidas xa anos antes, porque o meu home xa o tivera. Cancro é un termo que un neno non comprende. Eu intentei explicar que esta palabra vén de caranguexo e, tamén grazas a eles, a historia foi xurdindo. Preguntábanme se o que tiña no peito era un caranguexo, como entrara... A raíz diso decidín poñerme a escribir para explicarlles a aventura pola que iamos pasar. Quixen chamarlle así, aventura, para explicarllo dende ese punto de vista.

Cal é o argumento?
Este conto fai dunha enfermidade unha aventura, explicando o que vai pasar: a quimioterapia, a radioterapia, os días máis difíciles... É un proceso complexo pero está contado dende o punto de vista optimista. O máis notorio son as metáforas que, para un neno, poden pasar desapercibidas, pero que un adulto entende. O caranguexo é o cancro, os pais son piratas que non teñen cabelo, como adoita pasar no tratamento desta enfermidade. A balea é o mundo médico, hai unha illa de pílulas que é o hospital... Os monstros son o quimioteronte e radiotesaura, que viven nunha cova e refírese aos tratamentos, ao igual que a apócema que os piratas beben ao final.

Co cancro puiden coñecer moita xente, pasei moito tempo cos meus fillos, aprendín a valorar o importante

Como asumiron os seus fillos a enfermidade dos seus pais a través desta historia?
Por medio da historia, o que eles viron foi unha realidade asimilada de xeito natural. Todas as persoas temos cicatrices do cantro, tamén os seus avó e avoa... é algo moi frecuente na sociedade e que forma parte das súas vidas. Ademais, os nenos do libro son eles, Bruno e Nicolás, e a praia que aparece é a que adoitamos ir nós. Cando se vían nas ilustracións non se recoñecían, pero si que se recoñece a nosa historia. A xente que me coñece vai ver que é esa praia, as rochas polas que camiñamos, os cristais que recolle a avoa na praia. É autobiográfico.

A praia é real?
Si, é unha praíña pequena de Raxó á que imos sempre, en verán e inverno.

O libro busca desterribilizar un diagnóstico tan duro como o do cancro. Pode servir tamén a unha persoa adulta que se enfrente a esta enfermidade?
Cando vivín esa experiencia, tiven moi presentes a todos eses amigos e veciños que che dan azos para saír adiante. Aí comezas a ver que, aínda que no momento te fagas esa gran pregunta, por que eu?, acabas comprobando que somos moitas as persoas que pasamos por isto. Eu trato que este libro sexa para todo o mundo. Cando na editorial me preguntaban para que idade o recomendaba, eu dicía sete anos, pero en realidade penso que os pais deses nenos tamén poden sacar algo. No meu caso, co cancro puiden coñecer moita xente, pasei moito tempo cos meus fillos, aprendín a valorar o importante...

Este conto explica a enfermidade como se fose unha aventura, explicando o proceso polo que se vai pasar

Quen se encargou das ilustracións?
Foi Irene Sanjuan. Por mor da pandemia non puiden falar con ela moito, pero, así é todo, foi quen de plasmar de xeito bastante fiel a historia.

O cancro serviulle tamén para empezar a escribir.
Si, e pode ser que teña xa algún proxecto para seguir. Ese afán por escribir, que tiña como unha ilusión de cativa, pode que vaia a máis. Este libro xa me fai megafeliz. A parte boa de pasar por un proceso duro como este, que ademais lle tocou tamén ao meu home, é sacar algo. Este libro foi a miña recompensa, aquí queda reflectido que sobrevivimos. Fomos piratas, naufragamos e saímos a frote de novo.

Comentarios