sábado. 29.02.2020 |
El tiempo
sábado. 29.02.2020
El tiempo

Un libro é a mellor compañía

Anxos Rial co alumnado dun dos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón. C.G.
Anxos Rial co alumnado dun dos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón. C.G.
Cinco institutos de Pontevedra e a EOI son algúns dos 80 centros da provincia que recibirán unha subvención para impulsar os seus grupos lectores, unha iniciativa voluntaria en tempos nos que as librerías e as bibliotecas non figuran nas preferencias xuvenís

OITENTA centros públicos da provincia -na súa ampla maioría CPI ou IES, xa que deben impartir ensinanzas de Secundaria, Bacharelato, FP ou de réxime especial- recibirán unha subvención da Consellería de Educación para impulsar o funcionamento de clubs de lectura. O obxectivo da iniciativa, incluída no programa Hora de ler, é fomentar hábitos lectores no alumnado e contribuír á creación dun clima favorable á lectura entre a comunidade escolar. O orzamento para toda Galicia ascende a 220.000 euros. Esta asignación destinarase fundamentalmente a adquirir libros para as actividades do club, que posteriormente pasarán aos fondos da biblioteca escolar.

Entre estes 80 centros hai seis da cidade, que recibirán axudas de distinta consideración. Son a EOI Pontevedra (700 euros), os IES A Xunqueira I (800) e II (1.035 euros), Frei Martín Sarmiento (825), Luís Seoane (825) e Sánchez Cantón (1.425 euros). Tamén se atopan intitutos doutros municipios da contorna, como Marín, Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Caldas, Cuntis, Bueu, Soutomaior ou Sanxenxo.

O IES Sánchez Cantón é, xunto a outros tres institutos de Betanzos (A Coruña), Mondoñedo e Vilalba (Lugo), o que recibirá a cifra máis alta de Galicia. Entre outros factores inflúe a elevada participación nos distintos clubs de lectura do instituto, arredor duns 200 estudantes, o 20% da matrícula. "Cada sección traballa un tipo de xénero literario ou unha lingua", explica Anxos Rial, profesora de Lingua Galega e Literatura, quen onte pasou o tempo de lecer cun grupo de 4º da ESO. "Empezamos coa narrativa en galego, pero despois animámonos con Kiko da Silva, xa que nunca leramos banda deseñada". O inferno do debuxante gustoulles tanto que continúan con este xénero.

O IES Sánchez Cantón ten dez grupos no club de lectura Nube de palabras que aglutina á quinta parte do estudantado

Isabel, Clara, Rosana, Marta, Mariña e Emilio completan o grupo que durante as vacacións do Nadal lerá a obra O son das cores, de Jimmy Liao, unha lectura inclusiva en portugués. Á volta do Nadal cada un exporá as súas opinións no encontro lector.

Algunhas das alumnas xa participaran no club de lectura en cursos anteriores, aínda que para Isabel, que chega doutro instituto, é a súa primeira vez. Outros, como Emilio, participan en varios, no seu caso neste e no de inglés.

Anxos coordina este grupo, un dos dez que hai no Sánchez Cantón. "Eu levo seis grupos. Temos en francés, en español... Hai moita rapazada, pero tamén moito profesorado implicado. Somos nove e non só os de linguas. Aquí está a de Relixión, a de Historia, a de Latín... Temos un club de linguas clásicas que leva dous anos funcionando estupendamente, que len libros relacionados con estes idiomas".

TEMPO DE LECER. E todo isto é voluntario e ocupa o seu tempo de lecer. "Len na casa, á parte dos libros obrigatorios da materia", subliña a docente.

Sen dúbida son grandes amantes da lectura. E á parte descubren cousas novas, engade. "Eu, por exemplo, cando vou a unha tenda no primeiro no que me fixo non é na banda deseñada, pero fixéronnos esta proposta e agora si que me gusta e vou empezar a lela", sinala Rosana.

"Eu non o esperaba -apunta Clara-. Sempre liamos novelas".

Un libro é a mellor compañía
Comentarios