Xosé Lueiro Lemos, escritor estradense

"É un libro que traballa nos valores e que está moi comprometido coa realidade social"

A libraría Cronopios de Pontevedra acollerá este xoves ás 19.00 horas a presentación do álbum ilustrado ‘O ladrón de paraugas’. Un traballo de Xosé Lueiro e da ilustradora Sara Valcárcel que está sendo un éxito en toda a comunidade. No evento participará o escritor Antonio García Teijeiro e o director de produción da editorial Galaxia, Xesús Domínguez
Xosé Lueiro e Sara Valcárcel, na Feira do Libro de Santiago
photo_camera Xosé Lueiro e Sara Valcárcel, na Feira do Libro de Santiago. DP

Empapar aos nenos de valores tan fundamentais como a igualdade, a solidariedade ou a paz. Ese é o obxectivo principal da obra ‘O ladrón de paraugas’. Un álbum ilustrado do autor estradense Xosé Lueiro Lemos e no que colaborou a ilustradora Sara Valcárcel.

Como naceu este traballo e cal é o seu argumento?
O álbum ilustrado naceu enfocado aos nenos de idades de entre catro ou cinco anos. O que fixen foi buscar unha pregunta, de que cor é o vento?, e suscitar un misterio con ela. A partir de aí, un gato, Fazulas, que é a simbolización dun neno, o que fai é buscar a resposta que precisa. No medio desa búsqueda vaise atopando con cousas que non son moito do seu agrado, realidades como a violencia machista, os conflitos bélicos, a fame no terceiro mundo... cousas que lle demostran a ese rapaz que a realidade non está composta de cores, senón tamén de grises, de negros e de brancos. 

"Esta obra lle demostra aos rapaces que a realidade non está composta de cores, senón tamén de grises, de negros e de brancos"

Este é un album ilustrado infantil, pero nel plantéxanse asuntos moi relevantes para a sociedade.
A nosa idea era a de fuxir de formatos máis comerciais e non alonxar aos rapaces da súa realidade, senón presentarlles este tipo de temáticas, que son menos amables, pero que é importante que poidan interpretalas ao seu nivel. Era o que tratabamos de facer porque así entendemos a práctica da literatura infantil, en vez de alonxar aos nenos da realidade, pois o importante é mergullalos nela para que atopen respostas a moitos interrogantes. O que se propicia é que sexan os pais os que os acaben de escribir a historia cos nenos, que teñan un diálogo entre eles, porque hai varias liñas de lectura e depende do pai a elección da liña a queira acollerse. Este tipo de realidades poden tratarse dunha forma máis ou menos profunda.

"En vez de alonxar aos nenos da realidade, quería mergullalos nela para que atopen respostas a moitos interrogantes"

Ademais, este traballo tamén está pensado para que sexa unha ferramenta de traballo nos colexios.
Si, está tendo moito éxito no ámbito escolar porque como fomenta valores, o profesorado utilízao como ferramenta para poder achegarse a esas diferentes realidades. Eu penso que os escritores de literatura infantil estamos obrigados a ofrecer este tipo de ferramentas ao profesorado.

A obra leva tan só cinco meses no mercado e xa está a punto de saír a segunda edición. Que significa isto para vostede e para a ilustradora, Sara Valcárcel?
Para nós foi unha sorpresa porque non esperabamos esta acollida. É un libro que, dalgunha maneira, veu bendecido, porque todo o que sucedeu con el superou as nosas expectativas. É un libro moi transversal porque está dirixido ao neno que todos os adultos levan dentro, e que, por iso, gusta tanto aos pais e aos fillos. Traballa nos valores e está moi comprometido coa realidade social.

"É unha obra moi transversal porque está dirixida ao neno que todos os adultos levan dentro"

Este foi o teu primeiro álbum ilustrado, como xurdiu a idea de facer este formato?
O formato foi idea da editorial Galaxia e a nós pareceunos moi ben. A historia estaba moi enfocada a este tipo de formato pero eles fixeron un traballo espectacular tanto a nivel de ilustración como de maquetación, porque este libro é un agasallo para os sentidos, é súper sensorial. Se o ves no expositor dunha tenda, enamóraste de el porque é unha fermosura.

Ademais, a compalía Bandullo Azul acaba de estrear un contacontos sobre esta obra. Supoño que isto é un orgullo para vostede. 
Así é, foi unha alegría inmensa. Que en cinco meses xa teñamos o conto teatralizado rulando por toda Galicia é, sen dúbida, unha auténtica maravilla. Cando mo propuxeron pareceume algo xenial, e, según que dixeron, está funcionando moi ben cos nenos. O proxecto estará xirando todo este ano pola comunidade, espallando así o conto por todas partes.

"Este libro é un agasallo para os sentidos, é súper sensorial. Se o ves no expositor dunha tenda, enamóraste de el porque é unha fermosura"

Pensando no futuro, tes algún outro proxecto xa en marcha?
Agora estou moi volcado noutra narración, estou coas correcións finais, pero claro, non sei a onde chegará, porque isto é como soltar un globo, ás veces quédase prendido no piñeiro que tes enriba da cabeza, e outras veces chega a estratosfera. Estas cousas nunca sabes a onde poden chegar. É un traballo moi similar a ‘O ladrón de paraugas’ e empezaremos a movelo a ver se se nos abre algunha porta.

Comentarios