Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Libros e calor nesta primeira fin de semana do verán na cidade de Pontevedra

Un dos momentos da primeira xornada da Festa dos Libros. OLGA FERNÁNDEZ
Un dos momentos da primeira xornada da Festa dos Libros. OLGA FERNÁNDEZ

A Festa dos Libros instálase na Praza da Ferraría durante toda a fin de semana con sinaturas, coloquios e obradoiros infantís

Calor, moita calor. As altas temperaturas acompañaron este venres aos libreiros e máis aos amantes da lectura que se achegaron á Praza da Ferraría para inaugurar unha nova edición da Festa dos Libros. Baixo a carpa instalada na céntrica praza da Boa Vila abundaban os abanos, os ventiladores e os botellíns de auga fría. Tamén os libros, que son os protagonistas do encontro.

"El patrimonio artístico y cultural de esta ciudad me animó a escribir sobre ella", contou Fontoira

Arredor da lectura organizáronse tamén unha morea de obradoiros infantís, conferencias e sinaturas de libros. Deste xeito, a feira inaugurouse ás 12.00 horas coa intervención de David Neira, que falou do seu libro ‘363 TQ’. A continuación, varios autores que deixaron patente a historia da cidade de Pontevedra foron os protagonistas do relatorio Pontevedra si ten quen lle escriba. Así, Rafael López Torre, Rafael Fontoira e Xosé Fortes falaron das súas obras sobre a Boa Vila nun coloquio guiado polo director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez. "El patrimonio artístico y cultural de esta ciudad me animó a escribir sobre ella", contou Fontoira. Por outra parte, Xosé Fortes explicou que "Pontevedra es una ciudad agradecida con los libros porque se vende y la gente tiene interés por el pasado de la ciudad". O historiador falou tamén da dificultade de buscar nos arquivos para atopar datos interesantes sobre o pasado da urbe.

Os curiosos que paseaban pola festa nas primeiras horas da mañá comentaban a iniciativa. "Todo lo que sean actividades culturales me encanta", explicaba a moza Alicia Esperón. E é que ademais das numerosas actividades, a festa ofrece tamén descontos do 10% nos libros á venda. Xa pola tarde, o escritor Francisco Narla ofreceu un relatorio sobre o seu libro Laín el bastardo no que falou da mitoloxía da Idade Media e do proceso de creación da obra. Pasaron tamén pola Festa dos Libros os autores Manuel Lourenzo, Loli Veloso, Montse Pena ou Carlos Taboada. A programación conta tamén con actividades para os máis pequenos, de xeito que onte se levaron a cabo obradoiros de pintura comestible, contacontos e un taller de monicreques.

LIBRERÍAS. Os establecementos que organizan o evento son Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva, Metáfora, Naranjo, Patakafrita, Paz e Seijas. Ademais dos postos destas quince tendas da cidade está tamén presente a libraría portuguesa TragaMundos, de Vila Real, especializada na temática de Trás-os-Montes e Alto Douro. Durante a xornada de hoxe haberá diferentes obradoiros infantís e sinaruras de libros. Deste xeito, pasarán pola carpa da Ferraría autores como Marga Tojo, Diego Ameixeiras, Manel Loureiro ou Fran Alonso. Tamén este sábado haberá un obradoiro de escritura impartido por Eva Mejuto para rapaces e rapazas de máis de doce anos. Terá lugar nas instalacións do Savoy Restobar durante a tarde.

Axenda para este sábado

11.30 - Marga Tojo presenta Cara de velocidade

12.00 - Contacontos e taller de creación de marcapáxinas sobre as personaxes de El león que no sabía escribir.

12.30 - Lois Pérez e Santiago Lopo participan nun vermú entre libros. 

13.30 - Diego Ameixeiras fala da súa novela A crueldade de abril 

18.00 - Maternidade fora de catálogo, de Marga Tojo

20.00 - Relatorio de Manuel Loureiro sobre a escrita de novelas e de guións televisivos

21.00 - Mesa redonda sobre feminismo e literatura

22.00 - Concerto de Azul de Bueu

Libros e calor nesta primeira fin de semana do verán na cidade de...
Comentarios