domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

O Liceo Mutante denuncia unha campaña de acoso para que abandonen o local

Imaxe de arquivo da festa de aniversario celebrada polo Liceo Mutante en 2018. DP
Imaxe de arquivo da festa de aniversario celebrada polo Liceo Mutante en 2018. DP
O Concello remite á asociación unha orde de cese de actividade tralas reiteradas chamadas dun cidadán "alleo á zona" á Policía Local

O Liceo Mutante vén de entoar o seu particular Bella Ciao ante a campaña de acoso que, asegura a súa directiva, están a sufrir por presuntos intereses especulativos. Así o manifestaron este mércores representantes desta asociación cultural que desde 2011 programa actividades culturais autoxesionadas nun inmoble de Rosalía de Castro.

"Cremos que queren que deixemos o local, porque o acoso foi continuo durante todo o verán, cada vez que organizamos algo apareceu a Policía Local, en todos os eventos, e nalgún máis dunha vez", explicou o presidente do Liceo Mutante, Berto Fojo. "A persoa que fixo esas chamadas, dixo que eran por ruído, pero as denuncias están centradas na situación catastral do edificio, o que nos deixa vulnerables", engadiu.

En total, contabilizáronse nove denuncias en menos dun mes por parte dunha persoa que, segundo o Liceo Mutante, está vinculada ó sector da construción e que anos atrás adquiriu dous inmobles nesa zona. "Sobre nós e sobre este conflito paire a pantasma da especulación urbanística", dixo.

Finalmente, o Concello emitiu unha orde que obriga á asociación ao cese de toda actividade cultural e con público nese lugar. "Si que podemos reunirnos alí, de feito, o outro día tivemos asamblea e tamén se presentou a Policía Local", subliñou o representante do colectivo cultural. "O lóxico é pensar que hai determinados intereses detrás para que marchemos, sobre todo cando a persoa denunciante non se avén a buscar unha solución falando con nós".

Berto Fojo: "Isto pon de manifesto que un patrimonio de dez anos de actividade cultural desinteresada non goza de protección"

APOIO NAS REDES. Trala publicación nas redes sociais dun comunicado no que visibilizan a súa situación, os apoios non se fixeron agardar. Colectivos culturais, artistas e persoas en xeral amosaron a súa solidariedade ao Liceo Mutante. É o caso do Cine Club Pontevedra, que neste mes proxectará o documental Mutantes, que asina o pontevedrés Álvaro Larriba sobre este espazo.

"Estamos moi emocionados; os apoios que recibimos superan as nosas expectativas", manifestou Fojo, quen subliñou que están a estudar distintas iniciativas para reivindicar que o Liceo Mutante non teña que pechar. "Déixannos sen marxe de manobra e nunha situación crítica. Queremos reivindicar que exista unha iniciativa de cultura autoxestionada como esta nunha cidade como Pontevedra e que haxa algún tipo de solución", engadiu o presidente. "Chegou esta orde e non se ofrece nada. Hai unha parte importante da sociedade pontevedresa con nós".

Denuncian ademais a situación de "indefensión legal e burocrática" que aseguran están a sufrir "poñendo de manifesto a inxustiza que supón que un patrimonio de dez anos de actividade cultural, traballo colectivo e colaboración popular destinteresada non supoña de ningunha garantía nin goce de ningún tipo de protección"

Non é a primeira vez que a asociación ten un encontronazo co Concello de Pontevedra. No ano 2012 tivo que paralizar os concertos de música alternativa previstos de maneira temporal por carecer de licenza, o que daquela resolveron co impulso dos trámites.

O Liceo Mutante denuncia unha campaña de acoso para que abandonen o...
Comentarios