A limpeza nocturna dos parques infantís ten un custe de 30.000 euros ó mes

As tarefas de desinfección diarias son levadas a cabo durante sete horas por tres brigadas 
2020082812484936988
photo_camera Tarefas de limpeza que se veñen realizando estes días de madrugada. DP

Tódalas noites, entre as 00 e as 7 horas, tres brigadas de dous homes cada unha, pertencentes á empresa Garocaprim SL, traballan arreo para que os nenos poidan desfrutar dos 40 parques infantís do casco urbano nas mellores condicións hixiénico-sanitarias dende primeira hora da mañá.

Son sete horas de tarefas de limpeza e desinfección diarias, desenvolvidas de luns a domingo, que permiten que o Concello "sexa un dos poucos que cumpra ao pé da letra coa estrita normativa imposta pola Xunta e que supoñen un investimento extra de 15.000 euros mensuais", sinala a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

Segundo explica o edil responsable da área, Iván Puentes, "os traballos de desinfección lévanse a cabo aplicando hipoclorito mediante un depósito a presión e unha motobomba, de xeito que se poida chegar a tódolos recunchos e puntos de contacto, tanto dos xogos como do pavimento e o valado perimetral".

Engade que, dado o elevado número de parques infantís que existen na zona urbana da cidade, uns 40, "os operarios de Garocaprim estanse movendo durante toda a noite, de xeito que se poida gardar o tempo de seguridade necesario para que os distintos elementos estean totalmente secos e en perfectas condicións de uso para os rapaces que cheguen a utilizalos a primeira hora da mañá".

O socialista constata que o desembolso económico que o Concello está a realizar nos parques do rural "tamén se sitúa nos 15.000 euros mensuais, xa que, malia que hai menos zonas de xogo, os traballadores teñen que efectuar un maior quilometraxe", polo que a cifra global que se está a investir en Pontevedra "é de 30.000 euros ao mes".

Non obstante, a estas medidas de desinfección e limpeza hai que engadir tamén o esforzo municipal por instalar á entrada dos parques dispensadores de xel e sinalizacións específicas coa imaxe do loro Ravachol nas que se especifican as normas de uso e aforo.

Iván Puentes asegura que "os pais de Pontevedra poden estar ben tranquilos, xa que levan aos seus fillos a xogar aos parques infantís máis desinfectados e seguros de Galicia" e avanza que "todas estas accións vanse manter durante os vindeiros meses, ata que mellore a situación motivada pola Covid-19".

Comentarios