lunes. 23.11.2020 |
El tiempo
lunes. 23.11.2020
El tiempo

"A lingua é algo que está aí porque ten detrás todo o que somos, a historia"

Xosé Durán. DP
Xosé Durán. DP

Xosé Durán, xornalista e escritor ▶ Unha historia da lingua galega en primeira persoa e dirixida á mocidade. Iso é A raíña galega, o libro que o pontevedrés vén de publicar dentro da colección Fóra de xogo da editorial Xerais. O volume ábrese cunha cita de Afonso X: "Esta donna que tenno por Sennor/ de que quero ser trobador (...)"

"Eu son unha raíña", empeza o novo libro do xornalista (Televisión de Galicia) e escritor, tamén químico, Xosé Durán (Cuntis, 1957). A que fala é a lingua galega, protagonista desta obra dirixida á xente nova que mestura historia e literatura, e que vai dende o nacemento do idioma ata a actualidade.

A raíña galega é unha historia da lingua en primeira persoa. Como xurdiu este proxecto?

Xurdiu nos colexios, cando falaba coa rapazada dalgún libro meu e me preguntaba por que escribía en galego. A idea para este libro levaba na miña cabeza dez ou doce anos, pero desenvolvela levoume o seu tempo. O que facía naqueles encontros escolares era falar da importancia da nosa lingua, da nosa historia e dos nosos autores. Faláballes de Rosalía, dos poetas medievais e de Afonso X O Sabio. Pensando nun pretexto para escribir algo que lle dese conta aos máis novos da relevancia da lingua foi cando recorrín á primeira persoa e acabei convertendo ao idioma nunha personaxe viva, que nace nun momento dado e que ten unha xenética propia.

De Afonso X O Sabio é precisamente a cita coa que abre o libro. "Esta dona que tenno por Sennor/ de que quero ser trobador,/ se eu per ren posso aver seu amor,/ dou ao demo os outros amores". 

Unha cita literal das Cantigas de Santa María, que eu emprego xogando co significado. El referíase a Santa María e eu refírome á lingua. Queda claro a intención coa escribín o libro, a señora da que eu quero ser trobador. O meu obxectivo era que no libro quedase constancia da importancia da nosa lingua dende o punto de vista culto, histórico e social.

Acabei convertendo ao idioma nunha personaxe viva, que nace nun momento dado e que ten unha xenética propia

Reivindica a importancia da lingua galega ata o punto de nomeala "raíña".

Evidentemente este é un libro pensado para que lea a xente moza. Ao convertela nunha raíña xogo con varios conceptos. O primeiro, a idea de reinar. Outro sería o que a relaciona con ser filla doutra raíña, o latín, a lingua que reinou no seu tempo. E outro máis, o que me permite repasar a súa historia dende ese punto de vista, incluíndo o tempo no que estivo ferida de morte, deitada na cama sufrindo, para acabar sobrevivindo. Gustaríame que a rapazada quedase coa idea de que a lingua é algo que está aí, non porque os máis vellos pensasen que a había que manter, senón porque ten detrás todo o que somos, a historia de Galicia.

"Non quero alimentos alleos" (...) "Os malos alimentos provocan os cancros depredadores", escribe nas últimas páxinas. O autor está lanzando unha advertencia?

Iso que escribo valería para calquera lingua, non só para a nosa. Só trato de reinvidicar un pouco de coidado co idioma. Porque ás veces usamos e-mail sen pensalo demasiado, cando podemos usar correo electrónico.  

O libro está dirixido á xente nova. O uso do idioma por parte da rapazada é a cuestión máis a ter en conta á hora de reflexionar sobre o futuro do galego?

En realidade, este libro pode lelo calquera. Eu o que creo é que debemos ser conscientes de que é necesaria unha convivencia dos idiomas , de que todo depende das circunstancias e das situacións. Pero en Galicia témolo fácil: aquí hai unha lingua que se chama coma nós. Porque somos galegos. O seu uso debería ser preferente. Existen outras linguas que tamén poderiamos usar? Por suposto que si. Ninguén debe renunciar a ningún patrimonio que teña de seu. Non é necesario escoller, pero tampouco hai que esquecer que o galego é unha lingua que ten presente e futuro se queremos darllo. Volvo aquí a cando o o galego viviu o seu peor momento, no que estivo practicamente esquecido, e sobreviviu porque a xente quixo que sobrevivise.

"A lingua é algo que está aí porque ten detrás todo o que somos, a...
Comentarios