Listo para asinar o protocolo Deputación-Concello para os novos proxectos no Museo

O acordo inclúe a rehabilitación dos tres edificios da Leña e a creación do novo centro arqueolóxico en Valdecorvos
Museo de Pontevedra. AEP
photo_camera Museo de Pontevedra. AEP

A Deputación xa ten listo para a sinatura o protocolo co Concello de Pontevedra que permitirá rehabilitar os edificios centrais do Museo e construír o novo Centro de Arqueoloxía de Pontevedra. Este documento, xa aprobado por Resolución Presidencial na institución provincial, aprobarase mañá na Xunta de Goberno do Concello capitalino, polo que a rúbrica poderá ser inminente.

No texto do protocolo insístese en que o obxectivo do acordo é establecer as liñas de colaboración das partes asinantes "encamiñadas a impulsar, establecer e contribuír, conxuntamente, á mellora e racionalización do equipamento museístico da cidade de Pontevedra". Esta actuación supón, por unha banda, a rehabilitación, conexión e dotación de accesibilidade a través do subsolo dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, previa modificación puntual do Peprica, xunto coa a construción dunha edificación en Valdecorvos dedicada á xestión integral dos fondos arqueolóxicos do Museo.

Tamén se sinala que, no caso de que durante a realización dos estudos de análise da viabilidade dos proxecto de interconexión polo subsolo dos edificios xurdan cuestións xurídicas, técnicas, medioambientais, arqueolóxicas ou de calquera outra índole que determinen a inviabilidade total ou parcial de realizar o proxecto, previa reunión da comisión de seguimento do protocolo, poderán realizar os cambios necesarios no acordo sen que esa alteración supoña a resolución do resto de compromisos.

Coa sinatura do protocolo o Concello comprométese a ceder á Deputación mediante convenio o uso dos treitos do subsolo das rúas Sarmiento (30 metros cadrados), Pasantería (225) e García Flórez (100), co fin de que se poidan acometer as obras necesarias para a conexión a través do subsolo que doten de accesibilidade e permitan a consolidación e rehabilitación dos tres edificios do Museo. As superficies dos treitos de subsolo a ceder manterán a titularidade municipal, como bens de uso e dominio público. O Concello tamén se compromete a colaborar técnica e xuridicamente na redacción do instrumento de modificación do Peprica e a tramitalo ata a súa aprobación definitiva, no prazo o máis breve posible.

No que atinxe a Valdecorvos, comprométese a ceder gratuitamente e transmitir, libre de cargas e gravames, á Deputación a titularidade da Parcela P20, de 9.509 metros cadrados, ademais de a axilizar a tramitación e concesión tanto da licenza para a construción do Edificio Arqueolóxico.