Xosé Manuel Fernández Feijóo: "O lixo no Gafos semella que nunca remata"

Vaipolorío inicia este domingo a súa 22 campaña de limpeza do cauce fluvial porque dende os seus comezos en 2001 "mellorou a situación, pero aínda queda moito traballo de concienciación"
A mocidade tamé é partícipe da limpeza. CARLOS MARLOY
photo_camera A mocidade tamé é partícipe da limpeza. CARLOS MARLOY

O río dos Gafos nace en Mato da Xestiña, no concello de Vilaboa. Tras 10.830 metros, a súa vida modifícase, coas augas do mar, na ría de Pontevedra e, concretamente, no barrio das Corbaceiras. O percorrido ten gran relevancia no Camiño de Santiago de Compostela por ir o seu cauce á par con este ruteiro de orixe portuguesa e, a súa historia é significativa, tanto para Galicia como para a Vila do Lérez, polas testemuñas organizadas nun libro coñecido como Viaje a Galicia do Pai Sarmiento.

Porén, o tempo e a falta de coidados fixeron dun tesouro con encanto un vertedoiro, ata que unha agrupación de veciños decidíu cambiar as cousas. Viñéronse a chamar Vaipolorío e mañán organizan unha nova quenda da campaña de limpeza do río en dúas rutas urbanas: a primeira que comeza dende a desembocadura do río ata Campolongo e, a segunda, dende a Ponte Nova ata a Estación de Autobuses.

Este ano, ademais, cúmprense 22 campañas dende aquela primera recollida de 2001 que o cambiou todo. "Por aquel entón, o río era intransitable e decidimos xuntarnos os veciños para non ver o río cheo de lixo polo que paseabamos", indica o membro da organización, Xosé Manuel Feijoó Bernárdez.

Así comeza a historia da rehabilitación do Gafos. Segundo Feijoó, "puxémonos en contacto con varias asociacións que rodean Pontevedra e todos decidimos coller e limpar o río", continúa, para engadir que foron "vinte domingos de campaña" que logo, convertéronse nun proxecto máis longo ao ter que transformarse nunha asociación -ante as institucións- para "poder xuntarnos oficialmente entre outras organizacións e profesionais".

Este acontecemento data do 27 de novembro do 2001. Nun tempo récord, o proxecto chamou a atención de moita xente que quixo ser partícipe desta altruísta proposta, que conta con moitos percorridos e tipos de camiños e tivo tanto éxito que a Federación Castelao propúxoos para ser Premios Cidade Pontevedra. Un galardón que finalmente gañaron despertando "moito pracer e orgullo, porque foi o primeiro de moitos recoñecementos que tivemos".

SUMA E SEGUE. "Abríndose camiño polo río" comezaron e continuaron avanzando e creando novos retos, posto que, "o lixo semella que nunca remata e a xente non é consciente aínda de que tirar o lixo das construcións ao río non beneficia a ninguén", asegura o ecoloxista.

Non nega que "mellorou moito a concienciación, xa que a xente pode desfrutar do paseo, pero non é accesible para todos". Neste sentido, indica que a agrupación quere "manter o espíritu natural do río dos Gafos" e, por ese motivo, trata a limpeza con "agarimo e coidado".

Porén, o traballo parece non ser suficiente e recibe moitas queixas xa que "os carriños ou o acceso para xente que usa cadeiras de rodas, non pode transitar polo paseo". Tamén, que os ciclistas erosionan moito o terreo, facendo que se desertice o chan e anima a haxa máis pautas para coidar do solo.

Co tempo, Xunta e Concello fixeron a proposta de que o Gafos fose un Espazo Natural Local ou, comúnmente coñecido, como ENIL. A pesar de acadar esta categoría, "a xente non é consciente do que tén que facer para coidar o río, por moito que nós fagamos". Feijóo recalca a necesidade de procurar alternativas e lembra que o 28 de agosto celebrarase o Día Internacional dos Morcegos, onde o obxectivo é que a xente "descobra os beneficios desta espécime europea no entorno" e que "non son os chupasangues que se contan nas historias- De ser así, a raza europea ten moitos máis beneficios que contras".

MELLORÍA. Por outro lado, explica que a labor de concienciación é moi relevante e, aínda que "a situación mellorou", a cuestión "é que si dende as casas e colexios non se ensina, o traballo, é moito máis complicado".

Lembrou que Vaipolorío fai dende os seus comezos rutas cos colexios e que "os nenos de hoxe en día non saben o que é unha ortiga". Engade Feijoó que "ós rapaces interésalles estas cousas, pero hai que inculcarllas dende nenos".

Vencellado a isto, os estudos sobre o río son fundamentais para que despois sexan posibles as rutas cos máis cativos e "que todos aprendamos deseguido sobre as entranas que garda".

Comenta que a organización formouse con persoas, sobre todo maiores, e que a pesar de haber mozos "aínda hai moita cabida para máis implicación da mocidade, dado que «entre profesionais e voluntarios créase un mundo propio de sabiduría sobre o río e aprendemos uns dos outros".

Grazas a que lles encanta o seu traballo, os voluntarios de Vaipolorío nunca pensaron en deixar o proxecto. "Recuperar a etnografía, os muíños, as fontes e toda a historia que compón o río é marabilloso", indicou orgulloso dun traballo que ainda ten moitos tesouros por descubrir e actividades que ofrecer á comunidade.

As flores que o Pai Sarmiento adoeceu en 1750
Cóntase que o Pai Sarmiento, arredor do ano 1750, paseaba polo río dos Gafos e feriuse cunha pranta que, durante moitos anos, estiveron buscando moitos estudosos sen conseguir atopala.

Recentemente, nunha incursión de limpeza, atopouse unha flor, a cal, tras moitas dudas e observacións, concluíuse que era a que o Pai Sarmiento adoecera. Un prezado achado, segundo Vaipolorío e os seus voluntarios, que quedou nos corazóns daqueles que traballan día a día nesta meritoria iniciativa.

A devandita flor é coñecida como Orella do rato pola súa semellanza coa terminación auditiva dos roedores e xa forma parte da historia do Lérez.

 

Comentarios