Localizan no Gafos unha planta descuberta por Martín Sarmiento en 1755

O achado do erudito pontevedrés produciuse 42 anos antes de que se dese nome á 'Myosotis discolor Pers'
Entrega da 'Orella de rato' a Francisco Javier Silva no centro de Investigación Forestal de Lourizán. VAIPOLORÍO
photo_camera Entrega da 'Orella de rato' a Francisco Javier Silva no centro de Investigación Forestal de Lourizán. VAIPOLORÍO

A cuarta expedición botánica organizada en Pontevedra polo colectivo ambiental Vaipolorío para atopar unha planta identificada por Frei Martín Sarmiento en 1755, a Myosotis discolor Pers, coñecida co nome popular de "orella de rato", permitiu localizar varios exemplares desta especie da familia borraxinácea no río Tomeza 266 anos despois, as mostras tomadas xa figuran no herbario do Centro de Investigación Forestal de Lourizán co número de rexistro LOU-075640. 

Os responsables da cita son Amancio Castro e Xosé Feijoo, de Vaipolorío, e Adrián Macho, estudante do Ciclo Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, que realizou o achado durante a ruta á que asistiron unha vintena de persoas no marco do programa municipal Noites Abertas. 

Exemplar de Orella de rato. VAIPOLORÍOO itinerario tamén contara co profesor e escritor Carlos Solla que, no seu libro Os espellos do pasado: a lenda dourada do Gafos, recolle o paso de Martín Sarmiento polo río Tomeza, onde localizou unha "singular planta" da que destacou a "fermosura" da súa "espiga", que describiu "a imitación do remate dun báculo" e comparou coa "rosca da cola dun galgo". 

Estas anotacións, xunto con dous debuxos ao natural, foron inscritos por Sarmiento no seu Catálogo de voces vulgares e en especial de voces galegas de diferentes vegetables, elaborado entre 1754 e 1758, onde a planta referida figurou como "anónima" ao descoñecer o erudito pontevedrés a súa denominación botánica.

PIONEIRO. Tanto Carlos Solla como os integrantes de Vaipolorío coincidiron en destacar o descubrimento pioneiro de Sarmiento, xa que non foi ata catro décadas despois cando o botánico surafricano Christian Hendrick Persoon lle deu nome á especie e, en 1797, o fitólogo sueco Johann Andreas Murray asentou o taxón no Systema Vegetabilium

Desde 2018, Vaipolorío viña organizando anualmente unha ruta "en busca da orella de rato seguindo os pasos de Sarmiento" polos lugares que o frade ilustrado percorrera no seu camiño cara á ermida de San Cibrán e ao redor da mesma época -31 de marzo, luns de Pascua- daquel achado realizado en 1755. 

Ningunha das tres primeiras expedicións tivera resultado, como tampouco o traballo de campo realizado por Amancio Castro e o conservador do herbario de Lourizán, Francisco Javier Silva-Pando, para elaborar o libro Flora do río Gafos, publicado en 2015. A planta máis semellante localizada por ambos os expertos fora Myosotis secunda Murray, comunmente denominada "nomeolvides" e que tamén se coñece como "orella de rato". 

Finalmente, a cuarta edición da ruta permitiu redescubrir a presenza de Myosotis discolor Pers. nun prado cuxa localización exacta non foi precisada por Vaipolorío para preservar a integridade da contorna. Tras o seu achado por parte de Adrián Macho, realizáronse sobre o terreo varias consultas bibliográficas especializadas en flora autonómica e ibérica, ademais de observacións con lupa de aumento para identificar as características desta pequena planta.

VERIFICACIÓN CIENTÍFICA. Para verificar a súa identificación, Vaipolorío contou co asesoramento científico de Silva-Pando, que corroborou o rexistro mediante unha revisión microscópica das mostras. Desta maneira, a Myosotis discolor Pers. suma unha nova cita en Pontevedra, que se engade á recollida no lugar de Pedra do Lagarto. 

"O normal é que estivese", explicou o conservador do herbario de Lourizán sobre este descubrimento tardío, 266 anos despois de que Martín Sarmiento a atopase nesa mesma zona. A antropización e os procesos de industrialización inflúen no "desprazamento" das especies vexetais, explicou Francisco Javier Silva-Pando. Aínda que non se trata dunha especie rara, "non é moi abundante" e a súa localización é "dispersa" no territorio galego. 

A continuidade da especie "discolor" da "orella de rato" dependerá, segundo Silva-Pando, do "manexo racional" do pasteiro onde foi redescubierta, mantendo as condicións naturais" do terreo. 

Aínda que a misión desta ruta botánica cumpriuse coa reaparición da planta, a intención de Vaipolorío é seguir organizando novas saídas ambientais polos carreiros do río Gafos nos seus distintos tramos para ampliar o coñecemento sobre a biodiversidade desta contorna fluvial, catalogado desde 2019 como Espazo Natural de Interese Local. 

Comentarios