Unha bacteria detectada en 1984 en Corea e Xapón

A loita contra o ‘"cancro’" do kiwi en Pontevedra xera interese internacional

Máis de 60 expertos visitaron este sábado as instalacións da Estación Fitopatolóxica do Areeiro para coñecer de preto as súas investigacións
Clase teórica impartida este sábado por técnicos do Areeiro a expertos en plantacións de kiwi
photo_camera Clase teórica impartida este sábado por técnicos do Areeiro a expertos en plantacións de kiwi

Establecer métodos de diagnóstico e de control da bacteria PSA –Pseudomonas Syringe Actiniadiae– que afecta ás plantacións de kiwi galegas desde o 2011 é unha das principias liñas de investigación que ten aberta o laboratorio da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA). E coñecer o estado deste traballo foi o obxectivo principal da visita que onte realizaron ás súas instalacións máis de 60 persoas que participarán a vindeira semana na 35 Conferencia Internacional do Kiwi. 

As enfermidades de orixe bacteriano no cultivo do kiwi son a primeira causa de perdas económicas, principalmente o ‘cancro bacteriano’ causado pola bacteria PSA, polo que desde O Areeiro estase a traballar activamente na súa caracterización, bioloxía, métodos de diagnóstico e de control. A esta investigación súmanse os estudos agronómicos, e en especial fitopatolóxicos, que permiten dar conta do estado sanitario das plantacións, e que tamén se amosaron no nomeado percorrido. Esta visita forma parte das actividades previas á conferencia que terá lugar hoxe e mañá na Illa da Toxa e que contará coa participación de representantes dos países da IKO -International Kiwifruit Organitation-: Francia, Italia, España, Grecia, Estados Unidos, Nova Zelandia, Corea e Chile. 

A PRODUCCIÓN GALEGA. Desde o inicio da actividade da EFA en 1980, o estudo da patoloxía do kiwi foi unha das súas liñas prioritarias. Este cultivo iniciouse en Galicia en 1960, e a día de hoxe a produción de kiwi na comunidade supón o 80 por cento da produción total do Estado, mentres que a superficie dedicada a este cultivo sitúase no 70 por cento. Debido á demanda dos ‘kiwicultores’ e dos viveiristas para dispoñer de material vexetal adecuado para as plantacións comerciais, iniciouse un programa de caracterización morfolóxica, xenética e agronómica de plantas estaminíferas e pistiliferas de kiwi. Outra das liñas de estudo é a mellora das propiedades organolépticas relacionadas coa textura e dozura do froito maduro 

En colaboración con algunhas empresas do sector, estase a facer un seguemento da fenoloxía de diversas plantacións co obxectivo de caracterizar o seu ciclo vexetativo e determinar o momento óptimo da aplicación de fertilizantes, produtos fitosanitarios e reguladores, poda, anelado, apoio da polinización e aclareo. Por último, tamén se realizan estudos para mellorar o tamaño do froito e o seu número por planta, coa aplicación de diversas substancias para mellorar o calibre, con distintas técnicas de cultivo e coa aportación de polen.

Comentarios